Buscador xeográfico

Buscador avanzado

Patrimonio galego

O Patrimonio Cultural de Galiza é o conxunto de bens, materiais e inmateriais, que conforman as características específicas da cultura galega e que acadan un enorme valor como testemuño e herdanza da súa Historia.

Toda a nosa historia, mesmo ata tempos recentes, ten un reflexo concreto e determinado nos elementos e nos conxuntos que consideramos Patrimonio Cultural en todas as súas manifestacións. Precisamente porque a nosa é unha vella historia que se conta por miles de anos, o noso Patrimonio Cultural é extraordinariamente rico, abundante e diverso, e espállase ademais por todo o territorio galego. Ademais, este Patrimonio forma parte da paisaxe natural e cultural, tanto urbana como rural, tanto do interior como da costa, pois é sempre o testemuño dunhas actividades humanas vinculadas a uns espazos, a unha sociedade, a uns modos de vida e a unhas mentalidades determinadas.

O concepto de ben patrimonial e cultural está ligado ao feito de que debe ser coñecido e mesmo utilizado con carácter público, o que leva de seu ademais un inescusable deber de conservación con independencia da súa titularidade pública ou privada, é dicir, calquera que sexa o seu propietario. Por lei establécese, por tanto, que todos os cidadáns teñen o dereito de gozar dos bens culturais e, ao mesmo tempo, sinálase o deber da súa conservación e protección.

Así pois, é obriga de toda sociedade, a nivel individual e colectivo, conservar e protexer o Patrimonio Cultural para o seu mellor coñecemento e difusión, e porque nel se xuntan dous aspectos ou valores fundamentais: primeiro, como documento e información histórica de todo tipo e de calquera época, o que ten nunha transcendencia científica, educativa e social innegable; e segundo, pero non menos importante, como conxunto de bens herdados, como verdadeiros bens patrimoniais, que poden ser gozados e utilizados por toda a comunidade social -tanto a propia como a que vén de fóra- para usos didácticos, turísticos, sociais, de lecer, etc.

O Patrimonio Cultural está integrado por varios tipos de bens: os inmobles (como os sitios arqueolóxicos, as igrexas e capelas, os pazos e castelos, as pontes...), os bens mobles (unha peza arqueolóxica, unha escultura, unha pintura ou un documento histórico) e os chamados bens inmateriais (unha lenda, un ritual ou unha festa tradicional), aínda que estes están xeralmente relacionados con sitios e lugares físicos determinados, de carácter patrimonial ou natural.

[LOGO CONSELLERIA]

portada | contacto | aviso legal | accesibilidade | RSS | mapa web