Neste momento contén 172 bens
As Rías Baixas conforman unha zona moi poboada desde os primeiros momentos da nosa historia. Un clima suave, terras fértiles, praias e fondeadoiros tranquilos e un bosque abundante proporcionaron un hábitat que propiciou o asentamento das xentes tal e como amosan a infinidade de xacementos arqueolóxicos que se remontan a tempos ben antigos.
Como resultado, estas rías posúen un riquísimo legado patrimonial, non sempre ben coñecido, caracterizado pola súa diversidade. Ás veces, nun pequeno percorrido é doado identificar testemuños pertencentes a diversos períodos históricos ou atopar monumentos de singular valor.
O propósito desta ruta é, precisamente, a descuberta dunha pequena parte dese legado. En pouca distancia é posible coñecer e recoñecer bens patrimoniais de moi diversa procedencia no referente a estilos e cronoloxías; cada un deles posúe un gran valor a título individual e en conxunto reflicten as diferentes caras da nosa historia.
Comeza a ruta en Noia, que conserva un casco histórico senlleiro e moi representativo do que foron as vilas mariñeiras e comerciais até hai pouco tempo. Ao carón do antigo recinto amurallado está Santa María A Nova, igrexa e cemiterio, que acolle a colección de laudas gremiais históricas máis importantes do mundo. Un pequeno desvío até as ribeiras do Tambre permite ao viaxeiro visitar nun emprazamento singular coroado por unha arquitectura única: o edificio deseñado por Antonio Palacios para acoller a central eléctrica; nas proximidades sitúase a central Tambre II con ese aire de rabiosa modernidade e formas rectas que hoxe tendemos a desprezar e que tamén temos que aprender a valorar.
Os montes do Barbanza constitúen un singular espazo natural que acolle aldeas que miran ao mar e un importantísimo patrimonio arqueolóxico. Deste xeito, a Cova da Moura ou Dolmen de Argalo representa unha oportunidade única para achegármonos ao mundo dos megálitos en Galicia. Xa rematando o camiño, o Centro Arqueolóxico do Barbanza e os adxacentes Castros de Neixón ofrecerán ao viaxeiro datos e experiencias que darán fe da longa historia destas terras e da súa peculiaridade.

Poñemos ao teu alcance unha guía para coñecer a fondo todo o patrimonio das áreas máis ricas da nosa xeografía.