Buscador xeográfico

Buscador avanzado

Ruta

Terras do Miño

Partida-Chegada: Outeiro de Rei
Distancia total: aprox. 110 km.

As comarcas de Lugo, A Terra Chá e Meira conforman o núcleo da Reserva da Biosfera Terras do Miño. Estas terras agochan moita historia e malia situarse en espazos xeográficos diversos, presentan moitos elementos comúns.

Algunhas formas da arquitectura tradicional, o intenso asentamento de casas fidalgas na Idade Moderna, as vías de primeira magnitude que cruzan o territorio, os singulares ecosistemas ligados ao río ou aos seus afluentes e as brañas son características compartidas por todos os concellos. Outros aspectos singulares que identifican estas terras son: a olería de Bonxe, as numerosas lagoas e as lendas que as rodean, a especial orografía da Terra Chá, as ribeiras do Miño, o Parga ou o Támoga, etc.

Esta ruta -axeitada para unha fin de semana- invita a viaxeiros e viaxeiras a achegarse ao patrimonio material e inmaterial da contorna. Comeza en Outeiro de Rei, concello inzado de casas fidalgas e sede dunha das nosas tradicións oleiras máis sinaladas, a de Bonxe. Atravesando a antiga xurisdición das Ribeiras de Lea chégase ao Castro de Viladonga: un conxunto castrexo exemplar, tanto polo seu magnífico estado de conservación como polo museo que o acompaña.

Desde Viladonga o itinerario toma a antiga ruta á costa de Ribadeo que sorteaba a Serra de Meira para chegar á vila de Meira e visitar o seu mosteiro cisterciense. Esta casa monástica desenvolveu nos séculos centrais da Idade Media un intenso esforzo para poboar e poñer en explotación moitísimas terras, ás veces en comarcas afastadas -por exemplo, na comarca de Ortigueira-.

No concello de Castro de Rei a ruta entra de cheo na Terra Chá, afundíndose na paisaxe deseñada polos programas de modernización agraria dos anos 50. O pobo do Arneiro é un exemplo vivo daquel esforzo que transformou paisaxes e formas de vida, tamén dun modelo urbanístico, cando menos, curioso. A Feira do Monte e a inmediata Lagoa de Cospeito co seu ecosistema único gardan lendas que falan de pobos mergullados...

Nesta grande chaira abundan as casas fidalgas e non tanto os castelos, pero moitos outeiros tiveron a súa torre para o control do territorio. A de Caldaloba -ou de Vilaxoán- conserva parte dos foxos e terrapléns que a protexían. A torre máis coñecida é a de Vilalba, que é o elemento patrimonial máis senlleiro da vila.

Coordenadas xeográficas para outros formatos (latitude/lonxitude):
  • Inicio Outeiro de Rei: 43.101868ºN 7.611337ºW
  • Castro de Ribeiras de Lea: 43.139763ºN 7.494178ºW
  • Castro de Viladonga: 43.160772º N 7.387007ºW
  • Mosteiro de Santa María de Meira: 43.213246ºN 7.292991ºW
  • O Arneiro: 43.255268ºN 7.482376ºW
  • A Feira do Monte: 43.255268ºN 7.482376ºW
  • Torre de Caldaloba: 43.218078ºN 7.638245ºW
  • Vilalba: 43.297667ºN 7.682083ºW
Extras:
  • Baamonde: 43.173761ºN 7.757034ºW
  • Ermida e capela de San Alberte: 43.171417ºN 7.794757ºW
  • Poboa de Parga: 43.158385ºN 7.83823ºW
  • Guitiriz: 43.182399ºN 7.89505ºW

  • Ponte de Santo Alberte, sobre o río Parga

    Capela e ponte de San Alberte

    A capela e a ponte de San Alberte sitúanse no medio dunha fraga na parroquia de Sambreixo de Parga, no concello de Guitiriz. A orixe da primeira establécese no s. XIII mentres que a segunda data do s. XIV. Formando parte do conxunto aparece tamén unha fonte. Neste marco celébrase anualmente a famosa romaxe de Santo Alberte. Parece ser que neste lugar xunto á ermida houbo un hospital ao servizo dos peregrinos que se dirixían a Santiago.
  • O poboado castrexo  de Viladonga, desde o aire

    Castro e Museo de Viladonga

    Pola súa monumentalidade, diversidade de estructuras construtivas e pola relevancia cualitativa e cuantitativa dos achados nel descubertos, o castro de Viladonga, un dos xacementos arqueolóxicos máis importantes de Galiza, conforma xunto co seu Museo un conxunto clave para coñecer, estudar e comprender a evolución da cultura castrexa no noroeste en época romana. Constitúe, ao mesmo tempo, un espazo ao redor do que se desenvolve un importante labor cultural, educativo, turístico, social e comunitario.
  • Monumento de Santa Eulalia de Bóveda

    Monumento de Santa Eulalia de Bóveda

    O monumento de Santa Eulalia de Bóveda constitúe un exemplar singular en todo o occidente europeo, realizado con patróns arquitectónicos e ornamentais habituais no Mediterráneo oriental clásico. A súa robusta e orixinal fachada enriquecida con misteriosos relevos oculta unhas pinturas murais con motivos típicos da arte romana tardía que enchen de cor o interior do monumento.
  • Mosteiro de Santa María de Meira, de orixe incerta

    Mosteiro de Santa María de Meira

    Situado nun amplo val ao pé da serra de Meira, as orixes deste mosteiro non están claras: mentres unha hipótese sostén que foi fundado no 997 baixo a orde beneditina, outra considera que foi a orde do Císter a responsábel da súa fundación no 1143. Quedan escasos restos do mosteiro orixinal, pero a igrexa abacial é un dos mellores exemplos da arquitectura románico-gótica cisterciense e chegou case intacta até os nosos días.


Poñemos ao teu alcance unha guía para coñecer a fondo todo o patrimonio das áreas máis ricas da nosa xeografía.



[LOGO CONSELLERIA]

portada | contacto | aviso legal | accesibilidade | RSS | mapa web