Neste momento contén 172 bens
Como ben di o seu slogan turístico, Ortegal é a comarca secreta... Sen dúbida trátase dunha zona con moita sona polas súas paraxes espectaculares con montañas que se afunden no mar, pequenos portos e praias de area fina. Agocha, non obstante, un conxunto patrimonial moi interesante e diversificado, a miúdo esquecido polos visitantes, que a converte nun destino moi atractivo para aquelas persoas que buscan achegarse a ese aspecto da nosa cultura.
É terra de poboamento antigo, como así o demostran os conxuntos tumulares que agroman nos cumios das serras ou os poboados castrexos que noutro tempo se asomaban á beira do mar. Boa parte do territorio pertenceu ao Condado de Santa Marta de Ortigueira, primeiro título nobiliario daqueles Sarmiento que logo presumiron do condado de Ribadavia. Pero aquí tamén se deixaron sentir a forza dos bispos mindonienses ou dos abades de Xuvia, Meira ou Pedroso que deron os primeiros pasos para a ocupación agraria desta comarca.
A ruta comeza en Ortigueira, vila condal, que conserva un elegante casco histórico que fala da vida dinámica e intensa das poboacións medianas da Galicia dos séculos XIX ao XX. Os pequenos portos da comarca, como Espasante, Bares ou O Barqueiro resumen nun espazo reducido a historia de moitos dos nosos pobos mariñeiros, ocupados desde antigo e sempre orientados ao mar e á explotación dos seus recursos, que deron lugar a unha forma de vida que se reflicte na súa arquitectura, urbanismo ou tradicións.
Entre uns e outros un mar que se achega a costas antiquísimas, formadas hai millóns de anos e que son, en si mesmas, un tesouro xeolóxico. Nelas hai tres espazos míticos, os faros de Estaca de Bares e Ortegal e o santuario ancestral de San Andrés de Teixido, onde vai de morto quen non foi de vivo.
Pero esta é, ante todo, unha ruta de fortes contrastes. Ao carón do mar e das rías esténdese un mundo fondamente ligado á terra, de aldeas incrustadas nos montes que desenvolveron toda unha forma de vida arredor, sobre todo, da gandaría. Son as terras altas do Sor ou da Capelada, de vales estreitos e cumios nos que pastan as bestas bravas, como hai centos de anos. Moitos secretos que agardan para ser descubertos...

Poñemos ao teu alcance unha guía para coñecer a fondo todo o patrimonio das áreas máis ricas da nosa xeografía.