Neste momento contén 172 bens
Sedia-m'eu na ermida de San Simón/ e cercaron-mi as ondas, que grandes son. Así comeza unha das obras senlleiras da nosa literatura, a cantiga do trobador Mendiño que conta a ansiedade da moza que axexa ao seu amigo. Cercada na Illa, á súa espera ou a de alguén que a rescate, a terra que tiña enfronte era, precisamente, a que esta ruta propón. As abas dos montes de Domaio (na cara Norte) e Trasmañó (na sur) enmarcan o fondo da Ría de Vigo e o separan das augas máis abertas que están protexidas polas Illas Cíes.
É un itinerario por pobos e vilas que mudaron moito desde aqueles anos pero que conservan moi vivos non só os testemuños daquel tempo e mesmo outros anteriores senón tamén a memoria heroica e lendaria de acontecementos cruciais da nosa historia como as batallas de Rande e os seus galeóns afundidos nestas augas estreitas, e a de Ponte Sampaio coa coraxe de quen foi quen de vencer ao exército francés. Tamén a de feitos máis recentes, dolorosos pola súa proximidade e inxustiza, como os sucedidos na Illa de San Simón durante os longos anos da represión franquista.
A ruta percorre os concellos de Vigo, Redondela e Soutomaior, case sen perder de vista o mar, fonte de vida e prosperidade antes e agora. Comeza nos cumios do Vixiador e Penide, onde os nosos primeiros arquitectos deixaron esas maxestosas e abraiantes construcións, que hoxe chamamos túmulos megalíticos, e que antes acollían a aquela veciñanza exótica que eran "os mouros". Baixamos cara o mar por estradas estreitas con panorámicas inesquecibles, para chegar a Redondela, antigo porto pesqueiro e comercial hoxe dinámica capital municipal. Sobre nós, os viadutos que trouxeron o tren e que desafían ao paso do tempo.
Estamos nun territorio intensamente poboado e de moito movemento de persoas e mercadorías, ao que situarse no vello camiño que conectaba Pontevedra con Vigo e con Tui e Portugal. Nas marxes da ruta principal, atópanse aldeas e pobos que seguen ramais cara ao interior, aproveitando vales e cursos fluviais. O antigo castro e a ermida da Peneda sitúase nun outeiro que controla boa parte de toda a rexión; un pouco máis aló, o castelo de Soutomaior lembra outros tempos, aqueles nos que os cabaleiros desta casa eran os amos da terra.
Xa de volta, é imperativo facer homenaxe aos heroes da Independencia na Ponte Sampaio, escenario da gran batalla e unha das pontes máis antigas e transitadas do país.

Poñemos ao teu alcance unha guía para coñecer a fondo todo o patrimonio das áreas máis ricas da nosa xeografía.