Neste momento contén 172 bens
As terras do Carballiño comprenden a parte norte do Ribeiro, alí onde os vales fluviais entroncan coas montañas centrais de Galicia. Inclúen os concellos de San Amaro, San Cristovo de Cea, O Carballiño, Beariz, Boborás, O Irixo, Maside, Piñor e Punxín, cuxa historia está inescusablemente unida á do mosteiro de Santa María a Real de Oseira. Non obstante, os testemuños arqueolóxicos indican que estamos nun territorio de poboación antiga, atraída pola benignidade do clima e pola fertilidade das terras.
A introdución da viña nos séculos medievais dinamizou a economía e a vida destas xentes ata o punto de cambiar a súa dedicación tradicional ao cultivo de cereais, que quedaron relegados ás zonas non aptas para o viño. Ás terras do Arenteiro e o Barbantiño chegaron todo tipo de institucións eclesiásticas que se fixeron coa propiedade da terra; tras elas, comerciantes e intermediarios que levaban o viño e traían as mercadorías necesarias para o sustento da poboación. As vilas de Carballiño e San Cristovo de Cea teñen a súa orixe, precisamente, nunha situación estratéxica óptima para o comercio por estaren situadas no cruzamento das rutas principais destes tratantes.
Na zona máis setentrional, o mosteiro de Oseira non só foi propietario senón tamén señor da terra. Aquí a produción orientouse ao cultivo do cereal, destacando neste particular a vila de Cea. A súa feira é unha das máis antigas de Galicia e está na orixe dun dos produtos que mellor simbolizan a riqueza do noso patrimonio inmaterial e a súa proxección de futuro, o Pan de Cea. É unha terra de contrastes, de viño e centeo, de vilas e pequenas aldeas, de tradición e innovación, que é un bo exemplo da gran diversidade e riqueza patrimonial de todas e cada unha das nosas comarcas.

Poñemos ao teu alcance unha guía para coñecer a fondo todo o patrimonio das áreas máis ricas da nosa xeografía.