Buscador xeográfico

Buscador avanzado

Ruta

Do Deza ao Ulla

Partida: Silleda
Chegada: A Praza (Oca, A Estrada)
Distancia aproximada: 45 km

As terras do Deza e do val medio do río Ulla son ricas en historia. Abonda pensar no Pazo de Oca, no Pico Sacro, nos mosteiros de Carboeiro e Camanzo ou nas moitas liñaxes fidalgas que aquí tiveron a súa orixe como os Deza, Camba, Rodeiro, Gres, Riobó, etc. Este territorio quebrado que baixa das montañas conforma, con pequenos vales e montes redondeados, a ribeira do Ulla e dos mil e un ríos que alimentan o seu caudal.

Esta ruta ofrece a viaxeiros e viaxeiras algunhas pistas sobre a riqueza patrimonial e histórica da rexión, tomando como referencia un treito no que, en poucos quilómetros, se acumulan testemuños de gran relevancia no contexto galego e que se caracterizan pola súa diversidade.

En efecto, aquí, como en poucos lugares se pode facer unha revisión de toda a nosa historia e do diferente legado que recibimos de cada período do pasado. Se os templos de Ansemil e Carboeiro nos evocan os tempos medievais cunha forma de vida moi distinta á actual, e que tiña no sentimento relixioso un dos seus piares fundamentais, o Pazo de Oca conforma un referente inescusable cando se reflexiona sobre a Galicia moderna e a época na que os pazos fidalgos materializaban un xeito peculiar de ser e pensar.

Máis recente é o poboado mineiro de Fontao, froito da demanda dun mineral estraño, o volframio, que trouxo ao Deza -e a outras zonas de Galicia- non só riqueza senón tamén espías, contrabando e mil e unha historias de supervivencia. Este pobo exemplifica de maneira extraordinaria a planificación urbanística contemporánea e testemuña a importancia da conservación desta parte da nosa historia e da súa recuperación como espazo vivido.

Coordenadas xeográficas para outros formatos (latitude/lonxitude):
  • Saída Silleda: 42.697387ºN 8.247557ºW
  • Fontao: 42.758806ºN 8.229114ºW
  • Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro: 42.75519ºN 8.246291ºW
  • San Pedro de Ansemil: 42.741442ºN 8.268376ºW
  • Pazo de Oca: 42.746583ºN 8.394611ºW
Extras:
  • Ponte Ledesma: 42.793712ºN 8.336944ºW
  • San Salvador de Camanzo: 42.794424ºN 8.321242ºW

  • Igrexa parroquial de San Pedro de Ansemil e capela señorial dos Deza

    Igrexa parroquial de San Pedro de Ansemil

    A igrexa parroquial de San Pedro de Ansemil (Silleda) data dos séculos IX ou X. Era a igrexa dun antigo mosteiro desaparecido habitado entre os séculos XIII e XVI que foi unido a San Paio de Antealtares. Ten unha planta basilical de tres naves e tres ábsidas ou capelas rectangulares.
  • Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro

    Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro

    Os vestixios do antigo mosteiro beneditino de San Lourenzo de Carboeiro sitúanse sobre un escarpado promontorio no fermoso entorno da ribeira do Deza. Foi fundado no século X e obedece ao estilo románico con influencias góticas, reflexo das pegadas da escola compostelá, e cuxas trazas lle foron atribuídas ao Mestre Mateo. Aínda que só se conserva a igrexa, quizais ningún outro mosteiro dese tipo e desa época pode superar a súa importancia arquitectónica.
  • Pazo de Oca

    Pazo de Oca

    No pazo destaca a configuración urbanística da praza, a riqueza artística da igrexa, de deseño e articulación excepcional, e o trazado dos xardíns. As dependencias palacianas amosan a amplitude das estancias principais de arquitectura sinxela e numerosas construcións vencelladas a elas con moitos elementos escultóricos dun barroco vexetal perfectamente integrado no xardín. A capela do pazo forma parte do conxunto monumental e define un dos límites da praza de chegada onde tamén se atopa o cruceiro.


Poñemos ao teu alcance unha guía para coñecer a fondo todo o patrimonio das áreas máis ricas da nosa xeografía.



[LOGO CONSELLERIA]

portada | contacto | aviso legal | accesibilidade | RSS | mapa web