Neste momento contén 172 bens
A Mariña lucense queda separada do resto de Galicia por unha poderosa liña de montes: o Xistral, a Serra da Carba, Cordal de Neda, a serra de Lourenzá ou a de Cadeira son alturas que agochan vales fluviais que ceden paso á chaira cantábrica. Tres son os vales principais, o de Mondoñedo, o de Lourenzá e o do Río Ouro, pechados polo leste pola conca do Eo. Estes tres vales interiores e a súa zona costeira conforman a Mariña Central e son o berce do bispado de Mondoñedo; gardan unha morea de testemuños patrimoniais que reflicten non só a intensa historia deste territorio senón tamén a de todo o país.
Nos difíciles tempos que sucederon á caída do Imperio Romano, eses vales apareceron como zonas seguras arredadas dos perigos que chegaban do mar. Son eses os tempos do bispo Mailoc e os seus compañeiros bretóns, que terían chegado na primeira metade do século VI, e da fundación da sé de Britonia -de carácter inicial, segundo parece, máis étnico que xeográfico-, mencionada no Parroquial do reino suevo de Galicia. No século IX aínda chegaron novos refuxiados, como o bispo de Dumio e as súas xentes, e a sé diocesana restaurouse baixo este título -logo convertido en Mondoñedo-; daquela o territorio quedou reorganizado ao articularse arredor da autoridade episcopal.
O interior mariñán está tamén vinculado a outro persoeiro sinalado da nosa historia: o cabaleiro D. Pedro Pardo de Cela, que enseñorou o territorio en aberto desafío aos bispos e á reina. Foi axustizado na Praza Maior de Mondoñedo en 1483.
Outros acontecementos e procesos históricos deixaron a súa pegada neste territorio como o cultivo e manufactura do liño nos séculos modernos, que deu lugar ao nacemento dunha interesante tradición oral hoxe un tanto perdida, ou a emigración que baleirou pobos e aldeas pero trouxo riquezas, novos costumes e exóticas edificacións. Os testemuños están aí é só é preciso animarse a descubrilos.

Poñemos ao teu alcance unha guía para coñecer a fondo todo o patrimonio das áreas máis ricas da nosa xeografía.