Neste momento contén 172 bens
Descubre os elementos máis destacados do noso patrimonio dentro de cada categoría.
O asentamento castrexo de Santa Tegra compón un xacemento arqueolóxico cunha extensión de 700 metros en dirección norte-sur por 300 metros en sentido oeste-leste. Rodeado por unha muralla que o delimita máis do que o protexe, o conxunto recolle vivendas, almacéns e fornos que exemplifican as características esenciais dos asentamentos galaicos durante os primeiros tempos da ocupación romana da Gallaecia. Recibiu o nome de "citania" pola influencia e semellanza cos grandes castros do norte de Portugal.
Pola súa monumentalidade, diversidade de estructuras construtivas e pola relevancia cualitativa e cuantitativa dos achados nel descubertos, o castro de Viladonga, un dos xacementos arqueolóxicos máis importantes de Galiza, conforma xunto co seu Museo un conxunto clave para coñecer, estudar e comprender a evolución da cultura castrexa no noroeste en época romana. Constitúe, ao mesmo tempo, un espazo ao redor do que se desenvolve un importante labor cultural, educativo, turístico, social e comunitario.
O Centro Galego de Arte Contemporánea é, ao tempo, un museo e un centro de arte. Por iso posúe unha dobre atribución: por unha banda, configurar unha colección de arte contemporánea, que adoita mostrarse unha vez ao ano; pola outra, organizar exposicións temporais, acompañadas de programas de actividades para a súa dinamización e promoción.
Situado nunha antiga illa no estremo sudoriental da península da Coruña, o castelo de San Antón era inicialmente unha fortificación pensada para defender a entrada ao porto. Unido á terra na actualidade, desde o último terzo de século XX o seu interior dá cabida ao Museo Histórico e Arqueolóxico provincial.
No corazón do centro histórico ourensán, o Pazo Episcopal é un extraordinario edificio románico con engados góticos, renacentistas e barrocos. Desde 1951 alberga no seu seo o Museo Arqueolóxico da provincia, un centro que destaca polos seus valiosos fondos históricos e pola súa ampla sección de belas artes.
O museo, que celebrou a súa exposición inaugural no Ano Santo de 1965, dedica a súa exposición permanente ao culto xacobeo desde o seu nacemento. Con todo, as súas exposicións temporais supoñen un acercamento ao fenómeno da peregrinación en xeral, interesándose por outras culturas e os seus puntos de culto e peregrinación noutros lugares do mundo.
Fundouse por Real Orde do 24 de marzo de 1922, pero foi en 1937 cando Fernando Álvarez de Sotomayor conseguiu do Goberno Provisional de Burgos a cesión do edificio do Real Consulado Marítimo (século XVII). Finalmente abriu as súas portas en 1947 e foi incrementando as súas coleccións por medio de adquisicións, doazóns, e depósitos, tanto de particulares como da institucións, entre as que destacan o Museo do Prado ou a Real Academia de Belas Artes do Rosario.
No momento da súa creación en 1927, o Museo de Pontevedra toma o relevo da Sociedade Arqueolóxica, pon en funcionamento o Centro de Estudos Locais e inicia un continuo labor de compilación, catalogación e exposición de fondos de moi diverso tipo. A súa primeira sede é a das Ruínas de San Domingos, ampliándose ao longo do século a varios edificios distribuídos polo casco histórico da vila.
A orografía de Galiza, cuns 1.200 quilómetros de costa, e a produtividade da súas augas situouna nunha posición estratéxica de cara ao mar en relación á comercialización con outros pobos. Un dos lugares onde isto se recrea da forma máis pedagóxica é o Museo do Mar.
No Museo do Pobo Galego, a través de obxectos relacionados con distintas profesións e actividades tipicamente galegas, xunto con fotografías e textos que aluden aos costumes, usos, prácticas e crenzas faise un repaso total da cultura popular de toda a xeografía galega.
Este museo, situado nun antigo pazo do marques de Baamonde, foi creado por iniciativa de Chamoso Lamas no ano 1969. O museo conta con fondos permanentes cun ámbito cronolóxico que abrangue desde finais do S.XIX ata hoxe e con mostras etnolóxicas de carácter temporal. As súas pezas están sobre todo relacionadas coa actividade agraria e outros oficios típicos da zona.
Don Olimpo Liste Regueira, coa axuda dos fondos do Concello de Vigo, creou en 1999 este museo, cuxos contidos están referidos á cultura material en aspectos puntuais. Nel abórdase o estudo e investigación de temáticas non contempladas en ningún museo, que tratan de cumprir unha finalidade primaria de orixinalidade e investigación científica.
O Museo Massó, inaugurado en 1932, ten a súa orixe nunha ampla colección de obxectos relacionados co mar e nunha salientábel colección bibliográfica pertencentes á familia catalá dos Massó. Está situado nunha parte do espazo que ocupaba antiga fábrica de salga creada en Bueu no ano 1816 por Salvador Massó, a cal perdurou ata finais do s. XX.
Creado en 1932 para reunir e protexer distintos bens do patrimonio da provincia dispersos en coleccións particulares e institucións públicas, o Museo Provincial de Lugo foi medrando en espazo e fondos até converterse nun dos centros galegos de referencia nas áreas de historia, arqueoloxía, etnografía e belas artes.
O pazo de Castrelos, testemuña da fidalguía galega en Vigo, estivo presente en boa parte da historia da cidade, chegando a ser considerado polos seus habitantes coma un dos seus principais sinais de identidade. A edificación foi construída no século XVII e posteriormente reformado a finais do XIX. Na actualidade é a sede do Museo municipal de Vigo "Quiñones de León".
A casa onde Ramón Otero Pedrayo pasou os veráns da súa infancia non corresponde ás características típicas dunha casa señorial galega. O seu máximo interese reside en ter sido a residencia do autor, estando dedicada na actualidade a conservar e divulgar o seu legado.
O proceso de romanización (s. II a. C - s. IV d.C) deixou a súa pegada en Cambre, onde se atoparon vestixios dunha villae na que hoxe é a capital municipal. A escavación coas actuais técnicas de arqueoloxía permitiu reconstruír detalles da vida dos moradores romanos e en novembro de 2002 inaugurouse un museo arqueolóxico no que se amosan os achados.