Buscador xeográfico

Buscador avanzado

mosteiros

Visita

  • Colexiata de San Xoán de Caaveiro

    Colexiata de San Xoán de Caaveiro

    A igrexa de San Xoán de Caaveiro perdura entre os vestixios do antigo mosteiro que se ergue entre os relevos rochosos e o bosque de vexetación autóctona do parque natural das Fragas do Eume. De estilo románico con engadidos barrocos, o que foi nun principio cenobio beneditino pasou a ter carácter de Real Colexiata dos cóengos regulares de San Agostiño, título e categoría que conservou ata finais do século XVIII.

  • Fachada do Colexio do Cardeal de Monforte de Lemos

    Colexio do Cardeal de Monforte de Lemos

    O colexio debe as súas orixes ao Cardeal Rodrigo de Castro, que pasou a súa infancia na vila de Monforte. A construción comezou no ano 1591, a cargo do arquitecto Juan de Tolosa, discípulo de Herrera. As obras sufriron ao longo dos anos diversas interrupcións e cambios, e á morte do cardeal, foi o Mestre Simón de Monasterio quen rematou en 1622 o monumento, agás o patio, que data do século XVIII.

  • Fachada do convento de San Francisco en Lugo

    Convento de San Francisco en Lugo

    Este antigo convento franciscano goza dunha envexábel situación dentro do recinto amurallado da cidade de Lugo. Fundado no século XIII, as súas antigas dependencias son hoxe en día a sede do Museo Provincial.

  • Convento e igrexa de San Domingos en Ribadavia

    Convento e igrexa de San Domingos en Ribadavia

    No alto do casco antigo de Ribadavia érguense o convento e a igrexa de San Domingos, sobre as ruínas dun primitivo convento dominico e do posterior Palacio Real de García I. A igrexa
    é un fermoso exemplo de gótico mendicante. Porén, as numerosas reformas que experimentou o conxunto conventual resultaron nunha combinación de estilos románico, gótico e renacentista.

  • Igrexa de San Domingos de Bonaval

    Igrexa de San Domingos de Bonaval

    As modificacións das que foi obxecto a primitiva igrexa gótica de San Domingos de Bonaval, construída na primeira metade do século XIII, fan que na súa fábrica actual se poidan distinguir elementos góticos, barrocos e neoclásicos. O seu corpo central, dos séculos XIII e XIV, é o único exemplo que se conserva en Compostela do gótico mendicante.

  • Fachada da igrexa de Santiago en Viveiro

    Igrexa de Santiago e convento de San Francisco en Viveiro

    O convento da orde mendicante de San Francisco, fundado no século XIII, sitúase fóra do recinto amurallado no centro da vila de Viveiro. O elemento máis antigo do conxunto conventual é a igrexa de Santiago que na actualidade está destinada a igrexa parroquial. O templo, que aínda conserva algúns elementos da súa construción románica orixinal, responde ao estilo gótico de finais do século XIV e sufriu varias reformas nos séculos XVII e XVIII.

  • Igrexa do mosteiro de San Pedro de Rocas

    Igrexa do mosteiro de San Pedro de Rocas

    A igrexa de San Pedro de Rocas forma parte do que outrora fora un dos mosteiros máis antigos de Galiza, xa que a súa orixe se remonta probabelmente ao século VI. O conxunto está formado polo templo escavado na mesma rocha, a casa prioral e a espadana, ademais dos enterramentos escavados e a praza miradoiro.

  • Igrexa e mosteiro de San Martiño de Xubia

    Igrexa e mosteiro de San Martiño de Xubia

    A igrexa abacial de San Martiño de Xubia é un exemplo de arquitectura románica da segunda metade do XII. Algúns autores a vinculan á escola compostelá, atopándolle semellanzas nos planos coa colexiata de Santa María de Sar. O templo constitúe a mostra máis importante de arquitectura relixiosa de Narón.

  • Mosteiro de San Clodio

    Mosteiro de San Clodio

    Malia a súa reconstrución no século XVI, San Clodio do Ribeiro mantén diversos elementos románicos primitivos, ademais de mesturar renacentismo e barroco. Destaca a fachada da igrexa abacial, unha das poucas fachadas cistercienses orixinais que se conservan no país. O seu conxunto arquitectónico complétase coa ponte medieval sobre o Avia.

  • Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro

    Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro

    Os vestixios do antigo mosteiro beneditino de San Lourenzo de Carboeiro sitúanse sobre un escarpado promontorio no fermoso entorno da ribeira do Deza. Foi fundado no século X e obedece ao estilo románico con influencias góticas, reflexo das pegadas da escola compostelá, e cuxas trazas lle foron atribuídas ao Mestre Mateo. Aínda que só se conserva a igrexa, quizais ningún outro mosteiro dese tipo e desa época pode superar a súa importancia arquitectónica.

  • Fachada barroca de San Martiño Pinario

    Mosteiro de San Martiño Pinario

    San Martiño Pinario é un antigo mosteiro situado fronte da fachada Norte da catedral de Santiago de Compostela. A súa orixe está en relación cunha comunidade bieita establecida no lugar de Pignario, pouco despois do descubrimento dos restos do Apóstolo. No edificio obsérvase unha mestura de arte renacentista e barroca con elementos platerescos e rococós.

  • Mosteiro de San Paio de Antealtares

    Mosteiro de San Paio de Antealtares

    Ligado ás orixes de Compostela, e con certa relevancia durante o episcopado de Xelmírez, Antealtares foi mandado construír no século IX por Alfonso II para custodiar o sepulcro do Apóstolo. O que vemos hoxe é unha reconstrución dos séculos XVII e XVIII e un dos mellores expoñentes do barroco compostelán.

  • Vista aérea dos claustros de San Salvador de Celanova

    Mosteiro de San Salvador de Celanova

    A vila de Celanova naceu coa fundación do mosteiro de San Salvador por San Rosendo, no ano 936. A partir de entón a historia do municipio estivo estreitamente vencellada á do mosteiro. Da súa orixe medieval só resta a capela mozárabe de San Miguel. En 1548, comezou a reconstrución do conxunto monacal que foi recibindo influencias de diversos estilos arquitectónicos ao longo dos séculos.

  • Mosteiro de San Xiao de Samos

    Mosteiro de San Xiao de Samos

    A enorme relevancia do mosteiro beneditino de Samos descansa tanto na súa monumentalidade como na antigüidade da súa orixe. A primeira documentación existente corresponde á doazón feita por Ordoño II en 922: do documento, así como dunha inscrición visigoda hoxe desaparecida, despréndese que o mosteiro xa existía a mediados do século VII.

  • Mosteiro de Santa María a Real de Oseira

    Mosteiro de Santa María a Real de Oseira

    De acordo coa constancia documental máis antiga atopada, o mosteiro de Santa María de Oseira xa existía en 1137. Trátase, xa que logo, da primeira abadía da orde do Císter creada en Galiza. Os recintos medievais conservados -sobre todo, a monumental igrexa abacial- fan deste conxunto un dos máis senlleiros da súa orde en toda a Península Ibérica.

  • Altar maior de Santa María de Aciveiro

    Mosteiro de Santa María de Aciveiro

    O mosteiro de Aciveiro álzase a máis de 800 metros de altitude nun lugar apartado entre as serras de Penas e do Candán. O seu emprazamento segue o modelo de implantación cisterciense, no que prevalecía a existencia de auga e o carácter solitario do lugar. Foi fundado por doce monxes no ano 1135 segundo a regra de San Bieito e unha inscrición no templo revela que a súa igrexa foi consagrada arredor do 1170. Naquel momento deu o paso da orde beneditina ao Císter, aínda que a súa filiación a Claraval non se realizou ata 1225.

  • Mosteiro de Santa María de Armenteira, fiel ao canon do Císter

    Mosteiro de Santa María de Armenteira

    Sitúase o mosteiro de Armenteira no val do Salnés, dominando unha alta canada na ladeira occidental do monte Castrove. A situación do conxunto responde ao arquetipo cisterciense: val pouco accesíbel, rodeado de montañas e con leito de auga. A disposición dos edificios é tamén a habitual da orde: igrexa ao norte do conxunto, en orientación leste-oeste; pegado a ela, o claustro; e, ao seu redor, as estancias monacais.

  • Mosteiro de Santa María de Meira, de orixe incerta

    Mosteiro de Santa María de Meira

    Situado nun amplo val ao pé da serra de Meira, as orixes deste mosteiro non están claras: mentres unha hipótese sostén que foi fundado no 997 baixo a orde beneditina, outra considera que foi a orde do Císter a responsábel da súa fundación no 1143. Quedan escasos restos do mosteiro orixinal, pero a igrexa abacial é un dos mellores exemplos da arquitectura románico-gótica cisterciense e chegou case intacta até os nosos días.

  • Mosteiro de Santa María de Melón

    Mosteiro de Santa María de Melón

    Cenobio cisterciense, con advocación a Santa María, situado no municipio ourensán do mesmo nome. Tanto a igrexa como o deambulatorio pertencen ao estilo románico de transición, de finais do s. XII e comezos do XIII. O claustro é do s. XVI e o resto das dependencias monásticas son posteriores.

  • Mosteiro de Santa María de Monfero, reconstruído no século XVII

    Mosteiro de Santa María de Monfero

    O mosteiro de Santa María de Monfero sitúase no medio das esgrevias serras de Cela e Moncoso, dominando o val que estas deixan entre si. Erixido no século XII conforme ao estilo románico, foi reconstruído no XVII seguindo a corrente do Barroco, de xeito que na actualidade consérvase moi pouco das súas antigas dependencias medievais.

  • Mosteiro de Santa María de Montederramo

    Mosteiro de Santa María de Montederramo

    A Ribeira Sacra, terra de mosteiros por excelencia, ten en Santa María de Montederramo un exemplo sobranceiro de renacentismo monástico. Incoporado á orde do Císter a mediados do século XII e reconstruído case por enteiro no XVI, tanto os claustros como a súa igrexa acumulan abondosas evidencias de sobriedade herreriana.

  • Mosteiro de Santa María de Oia

    Mosteiro de Santa María de Oia

    O mosteiro de Oia é un cenobio cisterciense baixo a advocación de Santa María a Real que se localiza na beira do mar, na parroquia pontevedresa de Oia, no concello homónimo. A fins do s. XII comezouse a construción da igrexa, de estilo románico. O coro é do s. XVII e a fachada de estilo barroco de fins do s. XVIII.

  • Mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes, xoia do barroco

    Mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes

    Santa María de Sobrado dos Monxes foi unha das casas máis importantes que o Císter posuíu na península, sendo probablemente a primeira en incorporarse a esta orde. Da súa construción, que se prolongou ata o século XVII, destacan especialmente a capela do Rosario, de Pedro Monteagudo, e a sancristía renacentista de Juan de Herrera, así como a sala capitular e a cociña do antigo edificio cisterciense.

  • Mosteiro de Santa María Ferreira de Pantón

    Mosteiro de Santa María Ferreira de Pantón

    O de Pantón é actualmente o único mosteiro feminino da orde do Císter en Galiza. A habitual sobriedade da arquitectura cisterciense está ausente na igrexa de Santa María: a ornamentación profusa e diversa, sobre todo na súa ábsida, convértea nun templo singular do románico rural galego.

  • Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, iniciado no século VI

    Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil

    A orixe do mosteiro remóntase ao século VI, chegando a atribuírse a súa fundación a San Martiño Dumiense, aínda que a primeira documentación que se conserva é do 921 d.C. O que está claro é que Santo Estevo xogou un importante papel na economía durante a Idade Media e Moderna, o que quedou reflectido na súa grandiosidade.

  • Mosteiro e igrexa de San Pedro de Soandres

    Mosteiro e igrexa de San Pedro de Soandres

    Deste antigo cenobio beneditino só se conserva hoxe a igrexa, convertida en parroquial. Trátase do edificio histórico máis significativo da bisbarra. A primeira noticia da súa existencia corresponde ao século X, aínda que os monxes bieitos probabelmente gobernaron as terras da Laracha desde varios séculos atrás. O mosteiro foi posuidor de numerosos bens e posesións durante toda a Idade Media.

  • Mosteiro e igrexa de San Salvador en Vilanova de Lourenzá

    Mosteiro e igrexa de San Salvador en Vilanova de Lourenzá

    Situado no fermoso val de Lourenzá, este mosteiro beneditino foi fundado no século X polo Conde Osorio Gutiérrez, coñecido popularmente como o Conde Santo. Das súas antigas edificacións non se conserva nada agás dúas pedras: unha ara do século IX e unha lauda do século XII. Até o momento da súa desamortización, a casa monástica e os seus abades, que vivían como auténticos señores feudais, determinaron a historia do lugar. A edificación actual construíuse ao longo dos séculos XVII e XVIII, atendendo á corrente arquitectónica barroca.

  • Mosteiro e igrexa de Santa María de Xunqueira de Ambía

    Mosteiro e igrexa de Santa María de Xunqueira de Ambía

    A historia das terras de Xunqueira de Ambía está vencellada aos comezos deste mosteiro, situado na praza da vila. Unha antiga tradición asegura que no lugar que ocupa o edificio había unha pequena lagoa chamada Xunqueira, onde apareceu a imaxe da Virxe no século IV. Na súa honra, ergueuse unha ermida que axiña foi obxecto de devoción popular.

  • Mosteiro e igrexa de Xunqueira de Espadañedo

    Mosteiro e igrexa de Santa María de Xunqueira de Espadañedo

    A igrexa e o mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadañedo están situados no concello ourensán do mesmo nome, ao norte da comarca de Allariz-Maceda. A igrexa é actualmente a capela parroquial, e as dependencias do mosteiro que resistiron o paso do tempo foron acondicionadas como dependencias do Concello.


[LOGO CONSELLERIA]

portada | contacto | aviso legal | accesibilidade | RSS | mapa web