Buscador xeográfico

Buscador avanzado

igrexas

Visita

  • Fachada da Capela da Peregrina

    Capela da Peregrina de Pontevedra

    Na capela da Peregrina as correntes neoclasicistas do S. XVIII final combínanse coas fórmulas do barroco galego. Foi construída a partir de 1778 segundo trazas de Antonio de Souto coa colaboración de Bernardo José de Mier. Forma parte da serie de templos galegos de planta circular, iniciada por Casas Novoa no de "Nosa Señora dos Ollos Grandes" (Lugo).

  • Capela mozárabe de San Miguel de Celanova

    Capela de San Miguel de Celanova

    A capela de San Miguel de Celanova, ergueita no século X, é unha xoia extraordinaria da arte mozárabe. Situada no recinto do antigo xardín do Mosteiro de San Salvador de Celanova, trátase do único vestixio arquitectónico da construción orixinal do conxunto monástico fundado por San Rosendo.

  • Ponte de Santo Alberte, sobre o río Parga

    Capela e ponte de San Alberte

    A capela e a ponte de San Alberte sitúanse no medio dunha fraga na parroquia de Sambreixo de Parga, no concello de Guitiriz. A orixe da primeira establécese no s. XIII mentres que a segunda data do s. XIV. Formando parte do conxunto aparece tamén unha fonte. Neste marco celébrase anualmente a famosa romaxe de Santo Alberte. Parece ser que neste lugar xunto á ermida houbo un hospital ao servizo dos peregrinos que se dirixían a Santiago.

  • Fachada da catedral de Lugo

    Catedral de Lugo

    A catedral de Lugo posúe unha rica mestura de estilos arquitectónicos. Comezouse a construír no 1129 a mans de Raimondo de Monforte e continuáronse as obras das naves no século XIII. A capela maior e o deambulatorio son do século XIV, a fachada principal e o claustro catedralicio do s. XVIII.

  • Rosetón da catedral de Mondoñedo

    Catedral de Mondoñedo

    Amálgama de diferentes estilos artísticos, aínda que orixinariamente románica, a catedral basílica de Asunción destaca entre as numerosas mostras de arquitectura relixiosa e civil que posúe o centro urbano mindoniense. Sobresaen as súas pinturas murais, que configuran unha das coleccións desta natureza máis ricas que pode atoparse en Galiza, e o Museo Catedralicio Diocesano, un dos máis importantes de arte sacra de toda a península.

  • Exterior da catedral de Ourense

    Catedral de Ourense

    Cerne do conxunto histórico da cidade, a catedral de San Martiño constitúe un dos edificios románicos máis sobranceiros e de maiores dimensións no territorio peninsular. Iniciado a mediados do século XII, o templo coñeceu numerosas modificacións e ampliacións ao longo do tempo.

  • Exterior da catedral de Santiago de Compostela

    Catedral de Santiago de Compostela

    A catedral de Santiago de Compostela é, desde hai varios séculos, un referente da Cristiandade en Occidente. Trátase dun monumento complexo e diverso, tanto interior como exteriormente. Foi consagrada no ano 1211, aínda que en posteriores épocas iránselle engadindo numerosos elementos e dependencias ou modificando os anteriores. De aí a súa famosa aparencia barroca.

  • Catedral de Tui

    Catedral de Tui

    Arredor de 1120 o bispo Alfonso II coloca a primeira pedra da actual catedral sobre os cimentos da antiga. Foi consagrada polo bispo Egea entre 1224 e 1225. A basílica sufriu numerosas transformacións ata o século XVII: o soportal foi rematado en 1287, a cabeceira foi modificada a finais do século XV e o claustro foi feito no século XIII e reconstruído en 1408 e 1464.

  • Colexiata de San Xoán de Caaveiro

    Colexiata de San Xoán de Caaveiro

    A igrexa de San Xoán de Caaveiro perdura entre os vestixios do antigo mosteiro que se ergue entre os relevos rochosos e o bosque de vexetación autóctona do parque natural das Fragas do Eume. De estilo románico con engadidos barrocos, o que foi nun principio cenobio beneditino pasou a ter carácter de Real Colexiata dos cóengos regulares de San Agostiño, título e categoría que conservou ata finais do século XVIII.

  • Fachada do Colexio do Cardeal de Monforte de Lemos

    Colexio do Cardeal de Monforte de Lemos

    O colexio debe as súas orixes ao Cardeal Rodrigo de Castro, que pasou a súa infancia na vila de Monforte. A construción comezou no ano 1591, a cargo do arquitecto Juan de Tolosa, discípulo de Herrera. As obras sufriron ao longo dos anos diversas interrupcións e cambios, e á morte do cardeal, foi o Mestre Simón de Monasterio quen rematou en 1622 o monumento, agás o patio, que data do século XVIII.

  • Fachada do convento de San Francisco en Lugo

    Convento de San Francisco en Lugo

    Este antigo convento franciscano goza dunha envexábel situación dentro do recinto amurallado da cidade de Lugo. Fundado no século XIII, as súas antigas dependencias son hoxe en día a sede do Museo Provincial.

  • Convento e igrexa de San Domingos en Ribadavia

    Convento e igrexa de San Domingos en Ribadavia

    No alto do casco antigo de Ribadavia érguense o convento e a igrexa de San Domingos, sobre as ruínas dun primitivo convento dominico e do posterior Palacio Real de García I. A igrexa
    é un fermoso exemplo de gótico mendicante. Porén, as numerosas reformas que experimentou o conxunto conventual resultaron nunha combinación de estilos románico, gótico e renacentista.

  • Exterior da igrexa de San Francisco en Betanzos

    Convento e igrexa de San Francisco en Betanzos

    A igrexa gótica de San Francisco é o único resto que queda do antigo convento franciscano, fundado no 1219. A igrexa foi en realidade rematada no 1387 por Fernán Pérez de Andrade, señor da cidade. É unha boa mostra da arte gótica mendicante da segunda metade do século XIV, aínda que posúe tamén tradicións románicas na ornamentación.

  • Hospital Real de Santiago

    Hospital Real de Santiago

    É o edificio máis significativo do momento de tránsito entre o gótico e o Renacemento en Galiza. Forma parte da rede de hospitais vertebrada en torno ao camiño para auxilio de peregrinos. Foi fundado polos Reis Católicos despois de que visitaran a cidade e comprobaran que os fieis non recibían a debida atención. Comezouse a construír no ano 1499 e concluíse nos seus elementos fundamentais no ano 1511.

  • Igrexa de San Antolín de Toques

    Igrexa de San Antolín de Toques

    Trátase dun cenobio bieito, que estaba situado na parroquia da Capela, no concello de Toques. Descoñécese a súa orixe xa que existen poucos datos sobre o mesmo ata o ano 1515, data na que é anexionado ao mosteiro de San Martiño Pinario. Na actualidade só se conserva o templo, que presenta trazos asinábeis a etapas diferentes, algúns deles permiten situalo nas obras da primeira etapa da arte románica, mentres que outros correspóndense con períodos anteriores.

  • Igrexa de San Domingos de Bonaval

    Igrexa de San Domingos de Bonaval

    As modificacións das que foi obxecto a primitiva igrexa gótica de San Domingos de Bonaval, construída na primeira metade do século XIII, fan que na súa fábrica actual se poidan distinguir elementos góticos, barrocos e neoclásicos. O seu corpo central, dos séculos XIII e XIV, é o único exemplo que se conserva en Compostela do gótico mendicante.

  • Igrexa de San Estevo de Ribas de Miño

    Igrexa de San Estevo de Ribas de Miño

    No concello de Saviñao, na ribeira do principal río galego, encrávase a igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño. O monumental edificio románico constitúe o único resto dun antigo cenobio dependente de Samos, que tamén testemuñan algúns topónimos como A Abadía ou Mosteiro.

  • Igrexa de San Martiño de Noia

    Igrexa de San Martiño de Noia

    A reedificación do templo no que se venera ao patrón da vila noiesa, mandada construír polo arcebispo compostelán Lope de Mendoza no século XV, ten lugar nun momento no que se produce unha volta a fórmulas iconográficas e ornamentais herdeiras das empregadas séculos atrás polo Mestre Mateo e o seu obradoiro.

  • Fachada da igrexa de San Nicolás de Neda

    Igrexa de San Nicolás de Neda

    A igrexa de San Nicolás de Neda é de estilo gótico tardío, construída no s. XIV, aínda que a fachada é moderna. Só conserva da época orixinal a capela maior ou ábsida rectangular. Formando parte do conxunto aparece un cruceiro cuxo estilo tamén se sospeita que é gótico.

  • Igrexa de San Pedro de Vilanova en Dozón

    Igrexa de San Pedro de Vilanova en Dozón

    Esta igrexa románica -en bo estado de conservación- pertenceu a un antigo cenobio de monxas bieitas, o de San Pedro de Vilanova, que foi fundado por dona Guntrodo Suárez no ano 1154. A igrexa pode datarse entre os anos 1215 e 1225 pola súa tipoloxía.

  • Igrexa de San Pedro Fiz de Hospital do Incio

    Igrexa de San Pedro Fiz de Hospital do Incio

    A igrexa románica de San Pedro Fiz, situada na parroquia do Hospital (O Incio), foi levantada a finais do século XII polos cabaleiros da orde de San Xoán de Xerusalén ou de Malta, que empregaron na súa fábrica mármore azul das canteiras do Incio. Estes, construíran tamén no mesmo lugar un hospital e unha fortificación destinadas a amparar a seguridade dos peregrinos que atravesaban estas terras no seu camiño cara a Compostela.

  • Fachada de San Salvador de Vilar de Donas

    Igrexa de San Salvador de Vilar de Donas

    A igrexa de San Salvador de Vilar de Donas, románica de comezos do século XIII, formou parte dun mosteiro fundado na metade do século XII, pertencente á Orde de Santiago, do cal só se conserva parte do claustro exterior, a ábsida e as súas pinturas. Foi declarada Monumento histórico-artístico e restaurada no ano 1966.

  • Igrexa de Santa Comba de Bande

    Igrexa de Santa Comba de Bande

    Igrexa visigoda situada no concello de Bande (Ourense). Formaba parte do conxunto dun mosteiro que contaba con outros dous edificios, que non se conservan. É a igrexa máis antiga de Galiza; parece que foi fundada no século VII cando, segundo a tradición, a xente que fuxía dos árabes ocultou aquí o corpo de San Trocado, un dos primeiros discípulos do Apóstolo Santiago.

  • Fachada renacentista de Santa María a Maior de Pontevedra

    Igrexa de Santa María A Maior de Pontevedra

    Santa María a Maior é un templo renacentista construído polo gremio dos mareantes (mariñeiros) nos últimos anos do s. XV ou comezos do XVI. Situada no núcleo urbano de Pontevedra, posúe un emprazamento privilexiado desde o que se que domina a ría e se pode contemplar un dos tramos da antiga muralla que aínda se conservan.

  • Igrexa de Santa María a Nova

    Igrexa de Santa María a Nova

    Este templo noiés, construído probabelmente sobre outro máis antigo, pódese considerar románico con influencias góticas. No lintel da súa porta figura a seguinte inscrición: ESTA IGLESIA EDIFICOU ET SAGROU DON FRAY BERINGEL ARCIBISPO DE SANTAIGO EN XXVIII DIAS DE IANEIRO ERA M CCC ET XV E FOI PROCURADOR PERO BOCHON DESTA OBRA. Foi declarado monumento histórico-artístico nacional en 1973.

  • Igrexa de Santa María a Real de Entrimo

    Igrexa de Santa María a Real de Entrimo

    A igrexa parroquial de Santa María de Entrimo, situada no concello ourensán de Entrimo, ten a súa orixe nun mosteiro xa desaparecido. O elemento máis característico desta igrexa é a súa fachada principal, organizada en catro corpos e tallada en granito a modo de retablo inspirado na virxe María.

  • Lateral da igrexa de Santa María das Areas

    Igrexa de Santa María das Areas

    Está declarada ben de interese cultural. Levantada na aba do monte San Guillermo e precedida dun cruceiro gótico, é a de maiores dimensións do arciprestado de Duio. Presenta unha planta de salón composta por unha capela maior rectangular, moi ampla, e unha única nave dividida en catro tramos. Considérase creada en torno a 1199, cun estilo románico na súa etapa fundacional.

  • Capelas absidais de Santa María de Cambre

    Igrexa de Santa María de Cambre

    A igrexa parroquial de Santa María de Cambre, de clara inscrición románica, mostra na súa estrutura elementos típicos da arquitectura catedralicia, nomeadamente a presenza dun deambulatorio. O templo foi construído a finais do século XII sobre unha antiga ermida, resto dun mosteiro do 942 que non se conserva.

  • Detalle da pintura do s. XVI na cabeceira da igrexa

    Igrexa de Santa María de Pesqueiras

    A igrexa de Santa María de Pesqueiras é o único resto que nos queda do antigo mosteiro de monxas bieitas que no ano 1515 foi anexionado ao de San Paio de Antealtares. Esta igrexa, declarada monumento nacional en 1950, pertence ao s. XIII, pero restaurouse en 1980. Así mesmo, con anterioridade á fábrica actual existiu outra que nos fala a través dun epígrafe, hoxe perdido, dunha restauración realizada no ano 1120 ou 1121 por Juan Matheu.

  • Fachada da igrexa de Santiago en Viveiro

    Igrexa de Santiago e convento de San Francisco en Viveiro

    O convento da orde mendicante de San Francisco, fundado no século XIII, sitúase fóra do recinto amurallado no centro da vila de Viveiro. O elemento máis antigo do conxunto conventual é a igrexa de Santiago que na actualidade está destinada a igrexa parroquial. O templo, que aínda conserva algúns elementos da súa construción románica orixinal, responde ao estilo gótico de finais do século XIV e sufriu varias reformas nos séculos XVII e XVIII.

  • Detalle da igrexa de Soutomerille

    Igrexa de Soutomerille

    A igrexa parroquial de Soutomerille foi reedificada a comezos do XVII no mesmo solar da primitiva, conservándose algúns restos que demostran que a vella era de estilo mozárabe. Non sabemos a época de construción desta última pero o que parece seguro é que no privilexio da igrexa de Lugo, outorgado por Afonso III no ano 897, a referencia que fai de San Salvador de Ramilani (Romeán) alude a Soutomerille.

  • Igrexa do antigo mosteiro de San Miguel de Eiré

    Igrexa do antigo mosteiro de San Miguel de Eiré

    Situado na parroquia de San Xulián de Eiré, no concello lugués de Pantón, o mosteiro de San Miguel de Eiré foi fundado na primeira metade do século XII. A súa creación atribúese a Escladia Ordóñez, segundo a documentación conservada, que cita tamén 1129 como o ano no que o rei Afonso VII sinalaba o coto para o cenobio. Entre os séculos XV e XVI, as rendas do mosteiro se transfiren ao Hospital Real, por orde de Juan Rodríguez, vicario xeral do bispado de Lugo. As monxas trasládanse a San Paio de Antealtares e o convento queda abandonado.

  • Igrexa do Santuario da Virxe da Barca

    Igrexa do Santuario da Virxe da Barca

    O santuario da Virxe da Barca está situado no lugar onde, segundo unha lenda medieval, a Virxe María chegou nunha barca de pedra guiada por anxos para alentar a Santiago na súa predicación. O conxunto relixioso está formado pola igrexa, o campanario illado, o adro, a "Pedra de Abalar" e maila "Pedra dos Cadrís".

  • Igrexa e mosteiro de San Martiño de Xubia

    Igrexa e mosteiro de San Martiño de Xubia

    A igrexa abacial de San Martiño de Xubia é un exemplo de arquitectura románica da segunda metade do XII. Algúns autores a vinculan á escola compostelá, atopándolle semellanzas nos planos coa colexiata de Santa María de Sar. O templo constitúe a mostra máis importante de arquitectura relixiosa de Narón.

  • Cabeceira da igrexa-catedral de San Martiño de Mondoñedo

    Igrexa-catedral de San Martiño de Mondoñedo

    Exemplo do máis primitivo estilo románico que se pode atopar en Galiza, a igrexa-parroquial de San Martiño de Mondoñedo (Foz-Lugo) é un edificio singular no que nada lembra ao románico compostelán, foco dende o que irradiou este modo de facer arquitectónico. Sé da diocese de Mondoñedo dende finais do século IX ata comezos do XII este templo é considerado como a catedral máis antiga que se conserva en España.

  • Igrexa-colexiata de Iria Flavia

    Igrexa-colexiata de Iria Flavia

    Igrexa reconstruída no s. XII sobre un templo anterior destruído por Almanzor. Desta reconstrución queda tan só a portada principal de estilo gótico. O bispo Xelmírez converteuna en colexiata no século XII ata que esta foi suprimida no ano 1851 quedando reducida a parroquia. A actual igrexa data dos séculos XVI e XVII, e conserva no seu interior retablos, sarcófagos, un mausoleo e unha talla pétrea da Virxe.

  • Monumento de Santa Eulalia de Bóveda

    Monumento de Santa Eulalia de Bóveda

    O monumento de Santa Eulalia de Bóveda constitúe un exemplar singular en todo o occidente europeo, realizado con patróns arquitectónicos e ornamentais habituais no Mediterráneo oriental clásico. A súa robusta e orixinal fachada enriquecida con misteriosos relevos oculta unhas pinturas murais con motivos típicos da arte romana tardía que enchen de cor o interior do monumento.

  • Mosteiro e igrexa de San Pedro de Soandres

    Mosteiro e igrexa de San Pedro de Soandres

    Deste antigo cenobio beneditino só se conserva hoxe a igrexa, convertida en parroquial. Trátase do edificio histórico máis significativo da bisbarra. A primeira noticia da súa existencia corresponde ao século X, aínda que os monxes bieitos probabelmente gobernaron as terras da Laracha desde varios séculos atrás. O mosteiro foi posuidor de numerosos bens e posesións durante toda a Idade Media.

  • Mosteiro e igrexa de Santa María de Xunqueira de Ambía

    Mosteiro e igrexa de Santa María de Xunqueira de Ambía

    A historia das terras de Xunqueira de Ambía está vencellada aos comezos deste mosteiro, situado na praza da vila. Unha antiga tradición asegura que no lugar que ocupa o edificio había unha pequena lagoa chamada Xunqueira, onde apareceu a imaxe da Virxe no século IV. Na súa honra, ergueuse unha ermida que axiña foi obxecto de devoción popular.

  • Mosteiro e igrexa de Xunqueira de Espadañedo

    Mosteiro e igrexa de Santa María de Xunqueira de Espadañedo

    A igrexa e o mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadañedo están situados no concello ourensán do mesmo nome, ao norte da comarca de Allariz-Maceda. A igrexa é actualmente a capela parroquial, e as dependencias do mosteiro que resistiron o paso do tempo foron acondicionadas como dependencias do Concello.

  • Real colexiata de Santa María de Sar, primeiro templo agostiño

    Real Colexiata de Santa María de Sar

    Antigo mosteiro dos cóengos regulares de Santo Agostiño, situado na beira dereita do río Sar, en Santiago de Compostela. Fundouse no ano 1136 grazas a Diego Xelmírez. Foi a primeira comunidade agostiña de Galiza. No século XVI converteuse en colexiata e no XIX pasou a ser unha das parroquias da arquidiocese compostelá, na actualidade comparte uso parroquial co de Museo de Arte Sacra e centro escolar. Foi declarado monumento nacional en 1895.

  • Santuario de Nosa Señora das Ermidas, barroco e mariano

    Santuario de Nosa Señora das Ermidas

    No concello do Bolo (Ourense) encóntrase o antigo santuario da Nosa Señora das Ermidas. Caracterízase pola estilización barroca do século XVII, e trae aparellada na súa construción historias de tradición católica mariana local, coma as aparicións da Virxe. O santuario fíxose grazas ás esmolas dos fregueses que chegaban desde Asturias, León, Lugo, Zamora, e a zona norte de Portugal.

  • Santuario de San Andrés de Teixido, destino de romaxes

    Santuario de San Andrés de Teixido

    Trátase dun dos santuarios con máis tradición de Galiza, alí ten lugar a romaría en honor a Santo André de Teixido, declarada festa de interese turístico nacional. A esta romaxe acódese o venres, sábado e domingo de pentecoste, o día 24 de xuño e do 16 de agosto ao 9 de setembro. Neste último período salienta o día 8 de setembro pola celebración da misa solemne, o misote, e pola grande afluencia de romeiros.

  • O templo da Veracruz, orixinal mestura de estilos

    Templo da Veracruz do Carballiño

    O templo de Veracruz é un dos símbolos do concello do Carballiño. As obras deste edificio inícianse en 1943 con arranxo ao proxecto do arquitecto Antonio Palacios Ramilo. Ten influencias de case todos os estilos arquitectónicos que se deron en Galiza, románico, gótico, bizantino, etc. Foi declarado Ben de Interese Cultural en 1995.


[LOGO CONSELLERIA]

portada | contacto | aviso legal | accesibilidade | RSS | mapa web