Neste momento contén 172 bens
Verás todos os bens patrimoniais da zona que marques no mapa
Buscador xeográfico | 8 resultados atopados
O mosteiro de Aciveiro álzase a máis de 800 metros de altitude nun lugar apartado entre as serras de Penas e do Candán. O seu emprazamento segue o modelo de implantación cisterciense, no que prevalecía a existencia de auga e o carácter solitario do lugar. Foi fundado por doce monxes no ano 1135 segundo a regra de San Bieito e unha inscrición no templo revela que a súa igrexa foi consagrada arredor do 1170. Naquel momento deu o paso da orde beneditina ao Císter, aínda que a súa filiación a Claraval non se realizou ata 1225.
Os vestixios do antigo mosteiro beneditino de San Lourenzo de Carboeiro sitúanse sobre un escarpado promontorio no fermoso entorno da ribeira do Deza. Foi fundado no século X e obedece ao estilo románico con influencias góticas, reflexo das pegadas da escola compostelá, e cuxas trazas lle foron atribuídas ao Mestre Mateo. Aínda que só se conserva a igrexa, quizais ningún outro mosteiro dese tipo e desa época pode superar a súa importancia arquitectónica.
A igrexa de San Salvador de Vilar de Donas, románica de comezos do século XIII, formou parte dun mosteiro fundado na metade do século XII, pertencente á Orde de Santiago, do cal só se conserva parte do claustro exterior, a ábsida e as súas pinturas. Foi declarada Monumento histórico-artístico e restaurada no ano 1966.
A igrexa parroquial de San Pedro de Ansemil (Silleda) data dos séculos IX ou X. Era a igrexa dun antigo mosteiro desaparecido habitado entre os séculos XIII e XVI que foi unido a San Paio de Antealtares. Ten unha planta basilical de tres naves e tres ábsidas ou capelas rectangulares.
O castelo sitúase coroando un macizo rochoso na beira esquerda do Río Pambre, ao SE do concello de Palas de Rei. O conxunto está formado por un edificio ou castelo central de planta rectangular coa torre da homenaxe de base cadrada coroando esta parte e catro torreóns nos ángulos. Ao conxunto súmase unha igrexa de estilo románico e unha muralla de circunvalación de enormes bloques de gra.
No pazo destaca a configuración urbanística da praza, a riqueza artística da igrexa, de deseño e articulación excepcional, e o trazado dos xardíns. As dependencias palacianas amosan a amplitude das estancias principais de arquitectura sinxela e numerosas construcións vencelladas a elas con moitos elementos escultóricos dun barroco vexetal perfectamente integrado no xardín. A capela do pazo forma parte do conxunto monumental e define un dos límites da praza de chegada onde tamén se atopa o cruceiro.
Os pendellos da feira de Agolada son construcións de pedra do s. XVIII empregadas polos feirantes para resgardarse, gardar as cabalerías ou gando, comer e facer as vendas e as compras. A vila da Agolada é famosa pola súa tradicional feira do día 12.
Esta igrexa románica -en bo estado de conservación- pertenceu a un antigo cenobio de monxas bieitas, o de San Pedro de Vilanova, que foi fundado por dona Guntrodo Suárez no ano 1154. A igrexa pode datarse entre os anos 1215 e 1225 pola súa tipoloxía.