Neste momento contén 172 bens
Verás todos os bens patrimoniais da zona que marques no mapa
Buscador xeográfico | 25 resultados atopados
O castro de San Cibrao (ou San Cibrán) de Las sitúase sobre os afloramentos graníticos da ribeira do río Miño, nun enclave estratéxico cunha ampla visión do territorio. Delimitado por murallas e foxos que lle confiren unha gran monumentalidade, conforma un dos poboados castrexos máis grandes e coñecidos de Galiza, representativo dun momento tardío na cultura castrexa e fortemente influenciado pola romanización.
A igrexa de San Pedro de Rocas forma parte do que outrora fora un dos mosteiros máis antigos de Galiza, xa que a súa orixe se remonta probabelmente ao século VI. O conxunto está formado polo templo escavado na mesma rocha, a casa prioral e a espadana, ademais dos enterramentos escavados e a praza miradoiro.
Cerne do conxunto histórico da cidade, a catedral de San Martiño constitúe un dos edificios románicos máis sobranceiros e de maiores dimensións no territorio peninsular. Iniciado a mediados do século XII, o templo coñeceu numerosas modificacións e ampliacións ao longo do tempo.
A orixe do mosteiro remóntase ao século VI, chegando a atribuírse a súa fundación a San Martiño Dumiense, aínda que a primeira documentación que se conserva é do 921 d.C. O que está claro é que Santo Estevo xogou un importante papel na economía durante a Idade Media e Moderna, o que quedou reflectido na súa grandiosidade.
De acordo coa constancia documental máis antiga atopada, o mosteiro de Santa María de Oseira xa existía en 1137. Trátase, xa que logo, da primeira abadía da orde do Císter creada en Galiza. Os recintos medievais conservados -sobre todo, a monumental igrexa abacial- fan deste conxunto un dos máis senlleiros da súa orde en toda a Península Ibérica.
A chamada Ponte Romana, Vella ou Maior pertence á antiga vía romana de Braga a Lugo, se ben actualmente se mostra como unha obra medieval. Segundo as medidas de Manuel Chamoso Lamas, a construción abranguería 370 metros de lonxitude, 38 metros de altitude máxima e 43,70 metros de luz no arco central.
A casa onde Ramón Otero Pedrayo pasou os veráns da súa infancia non corresponde ás características típicas dunha casa señorial galega. O seu máximo interese reside en ter sido a residencia do autor, estando dedicada na actualidade a conservar e divulgar o seu legado.
Este pazo foi fundado por D. Álvaro de Oca y Deza no século XVI. No 1529, Álvaro de Oca y Sarmiento, fillo do anterior, encargou a un canteiro de certo prestixio a fachada, un dos elementos máis relevantes do edificio xa que está repleta de elementos suntuarios e de programas decorativos destinados a mostrar o prestixio dos seus posuidores.