Neste momento contén 172 bens
Verás todos os bens patrimoniais da zona que marques no mapa
Buscador xeográfico | 14 resultados atopados
Pola súa monumentalidade, diversidade de estructuras construtivas e pola relevancia cualitativa e cuantitativa dos achados nel descubertos, o castro de Viladonga, un dos xacementos arqueolóxicos máis importantes de Galiza, conforma xunto co seu Museo un conxunto clave para coñecer, estudar e comprender a evolución da cultura castrexa no noroeste en época romana. Constitúe, ao mesmo tempo, un espazo ao redor do que se desenvolve un importante labor cultural, educativo, turístico, social e comunitario.
Declarada Patrimonio da Humanidade en 2000, esta monumental fortificación ocupa un posto eminente entre as construcións da Hispania romana por conservar completo o seu perímetro. A muralla de Lugo supera os dous quilómetros de longo e abrangue no seu interior 34 hectáreas de terreo. Estímase o inicio da súa construción entre os anos 265 e 278 d.C e, malia ser sometida a distintas reformas medievais e modernas, a súa aparencia e trazado manteñen viva a súa forma primitiva.
O monumento de Santa Eulalia de Bóveda constitúe un exemplar singular en todo o occidente europeo, realizado con patróns arquitectónicos e ornamentais habituais no Mediterráneo oriental clásico. A súa robusta e orixinal fachada enriquecida con misteriosos relevos oculta unhas pinturas murais con motivos típicos da arte romana tardía que enchen de cor o interior do monumento.
A catedral de Lugo posúe unha rica mestura de estilos arquitectónicos. Comezouse a construír no 1129 a mans de Raimondo de Monforte e continuáronse as obras das naves no século XIII. A capela maior e o deambulatorio son do século XIV, a fachada principal e o claustro catedralicio do s. XVIII.
Situado nun amplo val ao pé da serra de Meira, as orixes deste mosteiro non están claras: mentres unha hipótese sostén que foi fundado no 997 baixo a orde beneditina, outra considera que foi a orde do Císter a responsábel da súa fundación no 1143. Quedan escasos restos do mosteiro orixinal, pero a igrexa abacial é un dos mellores exemplos da arquitectura románico-gótica cisterciense e chegou case intacta até os nosos días.
A igrexa románica de San Pedro Fiz, situada na parroquia do Hospital (O Incio), foi levantada a finais do século XII polos cabaleiros da orde de San Xoán de Xerusalén ou de Malta, que empregaron na súa fábrica mármore azul das canteiras do Incio. Estes, construíran tamén no mesmo lugar un hospital e unha fortificación destinadas a amparar a seguridade dos peregrinos que atravesaban estas terras no seu camiño cara a Compostela.
Este antigo convento franciscano goza dunha envexábel situación dentro do recinto amurallado da cidade de Lugo. Fundado no século XIII, as súas antigas dependencias son hoxe en día a sede do Museo Provincial.
Este santuario recibe o nome de Santa María a Real do Cebreiro por ter sido declarado de protección real, sendo favorecido en todos os tempos por privilexios reais grazas ao milagre medieval do Santo Graal. A importancia deste lugar como parada no Camiño de Santiago fixo que tamén se construíra un hospital e hospedaría de peregrinos. Pero nin estes últimos nin o antigo mosteiro se conservan, quedando só actualmente a mencionada igrexa.