Neste momento contén 172 bens
Verás todos os bens patrimoniais da zona que marques no mapa
Buscador xeográfico | 8 resultados atopados
Exemplo do máis primitivo estilo románico que se pode atopar en Galiza, a igrexa-parroquial de San Martiño de Mondoñedo (Foz-Lugo) é un edificio singular no que nada lembra ao románico compostelán, foco dende o que irradiou este modo de facer arquitectónico. Sé da diocese de Mondoñedo dende finais do século IX ata comezos do XII este templo é considerado como a catedral máis antiga que se conserva en España.
Amálgama de diferentes estilos artísticos, aínda que orixinariamente románica, a catedral basílica de Asunción destaca entre as numerosas mostras de arquitectura relixiosa e civil que posúe o centro urbano mindoniense. Sobresaen as súas pinturas murais, que configuran unha das coleccións desta natureza máis ricas que pode atoparse en Galiza, e o Museo Catedralicio Diocesano, un dos máis importantes de arte sacra de toda a península.
O convento da orde mendicante de San Francisco, fundado no século XIII, sitúase fóra do recinto amurallado no centro da vila de Viveiro. O elemento máis antigo do conxunto conventual é a igrexa de Santiago que na actualidade está destinada a igrexa parroquial. O templo, que aínda conserva algúns elementos da súa construción románica orixinal, responde ao estilo gótico de finais do século XIV e sufriu varias reformas nos séculos XVII e XVIII.
Situado no fermoso val de Lourenzá, este mosteiro beneditino foi fundado no século X polo Conde Osorio Gutiérrez, coñecido popularmente como o Conde Santo. Das súas antigas edificacións non se conserva nada agás dúas pedras: unha ara do século IX e unha lauda do século XII. Até o momento da súa desamortización, a casa monástica e os seus abades, que vivían como auténticos señores feudais, determinaron a historia do lugar. A edificación actual construíuse ao longo dos séculos XVII e XVIII, atendendo á corrente arquitectónica barroca.
Declarada conxunto histórico-artístico, Mondoñedo é, ademais dunha das sedes episcopais galegas de maior tradición cultural, un dos núcleos históricos de maior riqueza artística do país. A catedral basílica da Asunción, co seu Museo Diocesano; o convento da Concepción; o Seminario Conciliar de Santa Catarina ou o barrio xudeu e o dos Muíños son algunhas das súas xoias máis destacadas.
Na parroquia de Sargadelos, no concello lugués de Cervo, atópanse os restos das antigas fundicións e fábricas de louza fundadas por Antonio Raimundo Ibáñez, marqués de Sargadelos. Estes vestixios xunto coas instalacións da nova fábrica e do museo, foron declarados conxunto histórico-artístico e Ben de Interese Cultural en 1972.
O castro de Fazouro sitúase no leste da praia de Arealonga, nunha pequena península que penetra no mar sobre unha zona acantilada. Cunha superficie de 700 metros cadrados, é o único asentamento castrexo da costa cantábrica galega escavado e que se conserva musealizado.
O palacete de trazas modernistas sitúase entre a Praza Maior e a Praza Nova de España, constituíndo un elemento de fusión entre o vello e o novo Ribadeo. Tanto as súas técnicas construtivas, coa utilización do formigón armado, como as instalacións do edificio foron toda unha innovación do Ribadeo de principios de século XX.