Buscador xeográfico

Buscador avanzado

Accede ao noso mapa de Galiza e atoparás os bens patrimoniais

Verás todos os bens patrimoniais da zona que marques no mapa

Rías Baixas A Barbanza - Costa da Morte A Raia Seca Terras de ourense Terras do Ulla Terras de Compostela As Mariñas Ortegal - A mariña cantábrica Ribeira Sacra e Valdeorras Alto Miño e serras de Lugo

Formulario de busca por zonas

Buscador xeográfico | 22 resultados atopados

Páxina 1/3 Seguinte »
Resultado da búsqueda: As Mariñas

Torre de Hércules

A torre de Hércules, erixida a comezos do século II en tempos do emperador Traiano, é o único faro de orixe romana que se mantén activo en todo o mundo. Trátase dun edificio singular que garda nos seus alicerces e no seu interior unha parte considerábel de construción romana orixinal, malia que a cuberta e o piso superior son neoclásicos. A torre é un vestixio da planificación da navegación a grande escala durante o Imperio Romano como medio para controlar e explotar as rutas marítimas desde o Mediterráneo até as Illas Británicas.

Igrexa de Santa María de Cambre

A igrexa parroquial de Santa María de Cambre, de clara inscrición románica, mostra na súa estrutura elementos típicos da arquitectura catedralicia, nomeadamente a presenza dun deambulatorio. O templo foi construído a finais do século XII sobre unha antiga ermida, resto dun mosteiro do 942 que non se conserva.

Convento e igrexa de San Francisco en Betanzos

A igrexa gótica de San Francisco é o único resto que queda do antigo convento franciscano, fundado no 1219. A igrexa foi en realidade rematada no 1387 por Fernán Pérez de Andrade, señor da cidade. É unha boa mostra da arte gótica mendicante da segunda metade do século XIV, aínda que posúe tamén tradicións románicas na ornamentación.

Igrexa de San Nicolás de Neda

A igrexa de San Nicolás de Neda é de estilo gótico tardío, construída no s. XIV, aínda que a fachada é moderna. Só conserva da época orixinal a capela maior ou ábsida rectangular. Formando parte do conxunto aparece un cruceiro cuxo estilo tamén se sospeita que é gótico.

Castelo de San Felipe

Trátase dunha construción defensiva do século XVI, aínda que foi remodelado no XVIII. A estrutura desta fortaleza está perfectamente deseñada para protexer a entrada pola Ría, en combinación con outros dous castelos (o de Palma e o desaparecido de San Martiño) e para defenderse de posíbeis ataques por terra. Estas tres fortificacións da ría ferrolá posuían unha estrutura e imaxe unitarias.

Pazo de Mariñán

O pazo de Mariñán é unha edificación do s. XVIII que, malia que foi construído na época barroca, non presenta o aspecto dos pazos galegos clásicos. Posúe capela e dúas escalinatas con balaustradas, figuras e fontes nas que se mesturaron elementos barrocos e neoclásicos de estilo compostelán. O pazo e os seus xardíns son conxunto histórico-artístico e monumental desde 1972.

Mosteiro de Santa María de Monfero

O mosteiro de Santa María de Monfero sitúase no medio das esgrevias serras de Cela e Moncoso, dominando o val que estas deixan entre si. Erixido no século XII conforme ao estilo románico, foi reconstruído no XVII seguindo a corrente do Barroco, de xeito que na actualidade consérvase moi pouco das súas antigas dependencias medievais.

Arsenal Militar de Ferrol

Comezouse a construír no 1751 no reinado de Fernando VI. Consta dunha grande dársena rectangular rodeada de longos e amplos malecóns. Posúe numerosas edificacións coma almacéns, muralla, dique, etc. necesarias para o funcionamento do centro, son case todas
de perpiaño, agás as erguidas na época de Carlos III, que, para abaratar a obra, se fixeron de cachotería lucida de branco.

Páxina 1/3 Seguinte »

[LOGO CONSELLERIA]

portada | contacto | aviso legal | accesibilidade | RSS | mapa web