Neste momento contén 172 bens
Verás todos os bens patrimoniais da zona que marques no mapa
Buscador xeográfico | 22 resultados atopados
Situado no lugar de Axeitos da parroquia de Oleiros, municipio de Ribeira, o dolmen de Axeitos ou "Pedra do Mouro" é un dos monumentos megalíticos máis admirados dentro e fóra de Galiza. Data do terceiro milenio a.C. e conforma un dos vestixios megalíticos de maior relevancia patrimonial do país.
O dolmen de Dombate localízase na chaira de Borneiro, no límite da ampla bisbarra de Terra de Soneira-Xallas. Trátase dun dolmen con cámara poligonal e corredor de tres tramos que vai medrando en anchura e altura ao achegarse á cámara. Na súa escavación apareceu a pegada arqueolóxica dun dolmen anterior, decoración pictórica, varios ídolos e un importante enxoval lítico e cerámico.
Arca da Piosa é un túmulo megalítico que se caracteriza por albergar no seu centro un dolmen en excelente estado de conservación. Atópase no interior dunha gran explotación forestal de eucaliptos, en terras da parroquia de San Tirso de Muíño, preto do lugar de A Churia, no concello coruñés de Zas.
A mámoa de Pedra da Arca, tamén chamada Casa dos Mouros ou dolmen de Regoelle, localízase en terras da parroquia de san Antolín de Baíñas (Concello de Vimianzo), cerca do lugar de A Bouza, nas ribeiras do Río Touzas. O túmulo ten unhas dimensións de aproximadamente 30 m de diámetro por 2 m de altura . No seu centro conserva os restos dun gran dolmen de corredor.
A península coñecida como Punta do Castro, na entrada sur da ría de Muros e Noia, acolle nos seus 22,6 quilómetros cadrados un pequeno xacemento castrexo marcado pola súa peculiar orografía marítima e as vistas panorámicas sobre Fisterra e Corrubedo.
Este templo noiés, construído probabelmente sobre outro máis antigo, pódese considerar románico con influencias góticas. No lintel da súa porta figura a seguinte inscrición: ESTA IGLESIA EDIFICOU ET SAGROU DON FRAY BERINGEL ARCIBISPO DE SANTAIGO EN XXVIII DIAS DE IANEIRO ERA M CCC ET XV E FOI PROCURADOR PERO BOCHON DESTA OBRA. Foi declarado monumento histórico-artístico nacional en 1973.
Está declarada ben de interese cultural. Levantada na aba do monte San Guillermo e precedida dun cruceiro gótico, é a de maiores dimensións do arciprestado de Duio. Presenta unha planta de salón composta por unha capela maior rectangular, moi ampla, e unha única nave dividida en catro tramos. Considérase creada en torno a 1199, cun estilo románico na súa etapa fundacional.
A ponte de Brandomil atópase ao carón do novo viaduto sobre o río Xallas e na cola do encoro de Fervenza, no municipio de Zas. A ponte, que é chamada a miúdo "romana", ten as características construtivas do século XVI. Estas características non denotan a existencia dunha ponte romana anterior de pedra, aínda que a situación da mesma e o feito que o río sexa vadeábel nese lugar, puido determinar a existencia dun paso natural empregado desde época romana.