O mosteiro de Aciveiro álzase a máis de 800 metros de altitude nun lugar apartado entre as serras de Penas e do Candán. O seu emprazamento segue o modelo de implantación cisterciense, no que prevalecía a existencia de auga e o carácter solitario do lugar. Foi fundado por doce monxes no ano 1135 segundo a regra de San Bieito e unha inscrición no templo revela que a súa igrexa foi consagrada arredor do 1170. Naquel momento deu o paso da orde beneditina ao Císter, aínda que a súa filiación a Claraval non se realizou ata 1225.
No pazo destaca a configuración urbanística da praza, a riqueza artística da igrexa, de deseño e articulación excepcional, e o trazado dos xardíns. As dependencias palacianas amosan a amplitude das estancias principais de arquitectura sinxela e numerosas construcións vencelladas a elas con moitos elementos escultóricos dun barroco vexetal perfectamente integrado no xardín. A capela do pazo forma parte do conxunto monumental e define un dos límites da praza de chegada onde tamén se atopa o cruceiro.