Neste momento contén 172 bens
Aparecerán todos os arquivos relacionados co patrimonio que buscas:
Buscador avanzado | 14 resultados atopados
A catedral de Santiago de Compostela é, desde hai varios séculos, un referente da Cristiandade en Occidente. Trátase dun monumento complexo e diverso, tanto interior como exteriormente. Foi consagrada no ano 1211, aínda que en posteriores épocas iránselle engadindo numerosos elementos e dependencias ou modificando os anteriores. De aí a súa famosa aparencia barroca.
Antigo mosteiro dos cóengos regulares de Santo Agostiño, situado na beira dereita do río Sar, en Santiago de Compostela. Fundouse no ano 1136 grazas a Diego Xelmírez. Foi a primeira comunidade agostiña de Galiza. No século XVI converteuse en colexiata e no XIX pasou a ser unha das parroquias da arquidiocese compostelá, na actualidade comparte uso parroquial co de Museo de Arte Sacra e centro escolar. Foi declarado monumento nacional en 1895.
As modificacións das que foi obxecto a primitiva igrexa gótica de San Domingos de Bonaval, construída na primeira metade do século XIII, fan que na súa fábrica actual se poidan distinguir elementos góticos, barrocos e neoclásicos. O seu corpo central, dos séculos XIII e XIV, é o único exemplo que se conserva en Compostela do gótico mendicante.
É o edificio máis significativo do momento de tránsito entre o gótico e o Renacemento en Galiza. Forma parte da rede de hospitais vertebrada en torno ao camiño para auxilio de peregrinos. Foi fundado polos Reis Católicos despois de que visitaran a cidade e comprobaran que os fieis non recibían a debida atención. Comezouse a construír no ano 1499 e concluíse nos seus elementos fundamentais no ano 1511.
San Martiño Pinario é un antigo mosteiro situado fronte da fachada Norte da catedral de Santiago de Compostela. A súa orixe está en relación cunha comunidade bieita establecida no lugar de Pignario, pouco despois do descubrimento dos restos do Apóstolo. No edificio obsérvase unha mestura de arte renacentista e barroca con elementos platerescos e rococós.
A casa do Cabido é unha edificación do século XVIII de estilo barroco deseñada por Clemente Fernández Sarela. En realidade trátase dunha gran pantalla monumental que cerra a Praza das Praterías polo sur. Foi creada cun fin puramente escenográfico, por iso conta con tan só con catro metros de fondo.
O pazo de Raxoi foi construído en 1767 polo enxeñeiro Carlos Lemaur. A súa construción foi ordenada polo arcebispo Bartolomé Raxoi y Losada, co fin de destinalo a varias funcións: consistorio e cárcere, ademais de albergar os nenos do coro da catedral, os acólitos e os sacerdotes.
O Centro Galego de Arte Contemporánea é, ao tempo, un museo e un centro de arte. Por iso posúe unha dobre atribución: por unha banda, configurar unha colección de arte contemporánea, que adoita mostrarse unha vez ao ano; pola outra, organizar exposicións temporais, acompañadas de programas de actividades para a súa dinamización e promoción.