Neste momento contén 172 bens
Aparecerán todos os arquivos relacionados co patrimonio que buscas:
Buscador avanzado | 21 resultados atopados
A catedral de Santiago de Compostela é, desde hai varios séculos, un referente da Cristiandade en Occidente. Trátase dun monumento complexo e diverso, tanto interior como exteriormente. Foi consagrada no ano 1211, aínda que en posteriores épocas iránselle engadindo numerosos elementos e dependencias ou modificando os anteriores. De aí a súa famosa aparencia barroca.
Antigo mosteiro dos cóengos regulares de Santo Agostiño, situado na beira dereita do río Sar, en Santiago de Compostela. Fundouse no ano 1136 grazas a Diego Xelmírez. Foi a primeira comunidade agostiña de Galiza. No século XVI converteuse en colexiata e no XIX pasou a ser unha das parroquias da arquidiocese compostelá, na actualidade comparte uso parroquial co de Museo de Arte Sacra e centro escolar. Foi declarado monumento nacional en 1895.
As modificacións das que foi obxecto a primitiva igrexa gótica de San Domingos de Bonaval, construída na primeira metade do século XIII, fan que na súa fábrica actual se poidan distinguir elementos góticos, barrocos e neoclásicos. O seu corpo central, dos séculos XIII e XIV, é o único exemplo que se conserva en Compostela do gótico mendicante.
Igrexa reconstruída no s. XII sobre un templo anterior destruído por Almanzor. Desta reconstrución queda tan só a portada principal de estilo gótico. O bispo Xelmírez converteuna en colexiata no século XII ata que esta foi suprimida no ano 1851 quedando reducida a parroquia. A actual igrexa data dos séculos XVI e XVII, e conserva no seu interior retablos, sarcófagos, un mausoleo e unha talla pétrea da Virxe.
A ponte vella sobre o río Tambre, no lugar da Ponte Maceira, no concello de Negreira (un dos tramos pertence tamén ao concello de Ames) puidera ter unha orixe romana, aínda que a actual traza é medieval con orixe datada no século XIV. A súa construción foi impulsada pola mitra compostelá para conectar Santiago cos portos de Muxía e Fisterra, xa que era paso obrigado no camiño marítimo de Santiago.
É o edificio máis significativo do momento de tránsito entre o gótico e o Renacemento en Galiza. Forma parte da rede de hospitais vertebrada en torno ao camiño para auxilio de peregrinos. Foi fundado polos Reis Católicos despois de que visitaran a cidade e comprobaran que os fieis non recibían a debida atención. Comezouse a construír no ano 1499 e concluíse nos seus elementos fundamentais no ano 1511.
Santa María de Sobrado dos Monxes foi unha das casas máis importantes que o Císter posuíu na península, sendo probablemente a primeira en incorporarse a esta orde. Da súa construción, que se prolongou ata o século XVII, destacan especialmente a capela do Rosario, de Pedro Monteagudo, e a sancristía renacentista de Juan de Herrera, así como a sala capitular e a cociña do antigo edificio cisterciense.
San Martiño Pinario é un antigo mosteiro situado fronte da fachada Norte da catedral de Santiago de Compostela. A súa orixe está en relación cunha comunidade bieita establecida no lugar de Pignario, pouco despois do descubrimento dos restos do Apóstolo. No edificio obsérvase unha mestura de arte renacentista e barroca con elementos platerescos e rococós.