Neste momento contén 172 bens
Aparecerán todos os arquivos relacionados co patrimonio que buscas:
Buscador avanzado | 29 resultados atopados
A igrexa de San Pedro de Rocas forma parte do que outrora fora un dos mosteiros máis antigos de Galiza, xa que a súa orixe se remonta probabelmente ao século VI. O conxunto está formado polo templo escavado na mesma rocha, a casa prioral e a espadana, ademais dos enterramentos escavados e a praza miradoiro.
Situado nun amplo val ao pé da serra de Meira, as orixes deste mosteiro non están claras: mentres unha hipótese sostén que foi fundado no 997 baixo a orde beneditina, outra considera que foi a orde do Císter a responsábel da súa fundación no 1143. Quedan escasos restos do mosteiro orixinal, pero a igrexa abacial é un dos mellores exemplos da arquitectura románico-gótica cisterciense e chegou case intacta até os nosos días.
Sitúase o mosteiro de Armenteira no val do Salnés, dominando unha alta canada na ladeira occidental do monte Castrove. A situación do conxunto responde ao arquetipo cisterciense: val pouco accesíbel, rodeado de montañas e con leito de auga. A disposición dos edificios é tamén a habitual da orde: igrexa ao norte do conxunto, en orientación leste-oeste; pegado a ela, o claustro; e, ao seu redor, as estancias monacais.
O mosteiro de Aciveiro álzase a máis de 800 metros de altitude nun lugar apartado entre as serras de Penas e do Candán. O seu emprazamento segue o modelo de implantación cisterciense, no que prevalecía a existencia de auga e o carácter solitario do lugar. Foi fundado por doce monxes no ano 1135 segundo a regra de San Bieito e unha inscrición no templo revela que a súa igrexa foi consagrada arredor do 1170. Naquel momento deu o paso da orde beneditina ao Císter, aínda que a súa filiación a Claraval non se realizou ata 1225.
Os vestixios do antigo mosteiro beneditino de San Lourenzo de Carboeiro sitúanse sobre un escarpado promontorio no fermoso entorno da ribeira do Deza. Foi fundado no século X e obedece ao estilo románico con influencias góticas, reflexo das pegadas da escola compostelá, e cuxas trazas lle foron atribuídas ao Mestre Mateo. Aínda que só se conserva a igrexa, quizais ningún outro mosteiro dese tipo e desa época pode superar a súa importancia arquitectónica.
A orixe do mosteiro remóntase ao século VI, chegando a atribuírse a súa fundación a San Martiño Dumiense, aínda que a primeira documentación que se conserva é do 921 d.C. O que está claro é que Santo Estevo xogou un importante papel na economía durante a Idade Media e Moderna, o que quedou reflectido na súa grandiosidade.
Este antigo convento franciscano goza dunha envexábel situación dentro do recinto amurallado da cidade de Lugo. Fundado no século XIII, as súas antigas dependencias son hoxe en día a sede do Museo Provincial.
O convento da orde mendicante de San Francisco, fundado no século XIII, sitúase fóra do recinto amurallado no centro da vila de Viveiro. O elemento máis antigo do conxunto conventual é a igrexa de Santiago que na actualidade está destinada a igrexa parroquial. O templo, que aínda conserva algúns elementos da súa construción románica orixinal, responde ao estilo gótico de finais do século XIV e sufriu varias reformas nos séculos XVII e XVIII.