Neste momento contén 172 bens
Aparecerán todos os arquivos relacionados co patrimonio que buscas:
Buscador avanzado | 27 resultados atopados
A torre de Hércules, erixida a comezos do século II en tempos do emperador Traiano, é o único faro de orixe romana que se mantén activo en todo o mundo. Trátase dun edificio singular que garda nos seus alicerces e no seu interior unha parte considerábel de construción romana orixinal, malia que a cuberta e o piso superior son neoclásicos. A torre é un vestixio da planificación da navegación a grande escala durante o Imperio Romano como medio para controlar e explotar as rutas marítimas desde o Mediterráneo até as Illas Británicas.
O parque da arte rupestre de Campo Lameiro está concibido como un modelo integrado para a protección, investigación e xestión dos petróglifos galegos. Atópase dentro da RGPA, que é un programa creado pola Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia coa finalidade de promover o patrimonio arqueolóxico galego. Dentro desta rede prevense crear catro parques máis, un por provincia, dedicados a outras manifestacións arqueolóxicas.
O centro arqueolóxico de Tourón está integrado na Rede de Patrimonio Galego e, máis concretamente, no proxecto do Parque de Arte Rupestre, a través do cal se pretende abordar a protección, investigación e difusión da arte rupestre galega. Aínda que centra a súa acción no concello de Campo Lameiro, o proxecto compleméntase con actuacións sobre outras estacións rupestres significativas, como é o caso de Tourón.
Trátase dunha das estacións rupestres máis emblemáticas da arte rupestre galega, coñecida xa desde mediados do s. XIX. Está situada sobre a praia de Mogor e integrada por varias rochas sobre as que gravaron un considerábel número de cazoletas e de deseños xeométricos e, en menor medida, representacións de cérvidos.
Situado no lugar de Axeitos da parroquia de Oleiros, municipio de Ribeira, o dolmen de Axeitos ou "Pedra do Mouro" é un dos monumentos megalíticos máis admirados dentro e fóra de Galiza. Data do terceiro milenio a.C. e conforma un dos vestixios megalíticos de maior relevancia patrimonial do país.
O dolmen de Dombate localízase na chaira de Borneiro, no límite da ampla bisbarra de Terra de Soneira-Xallas. Trátase dun dolmen con cámara poligonal e corredor de tres tramos que vai medrando en anchura e altura ao achegarse á cámara. Na súa escavación apareceu a pegada arqueolóxica dun dolmen anterior, decoración pictórica, varios ídolos e un importante enxoval lítico e cerámico.
Arca da Piosa é un túmulo megalítico que se caracteriza por albergar no seu centro un dolmen en excelente estado de conservación. Atópase no interior dunha gran explotación forestal de eucaliptos, en terras da parroquia de San Tirso de Muíño, preto do lugar de A Churia, no concello coruñés de Zas.
A mámoa de Pedra da Arca, tamén chamada Casa dos Mouros ou dolmen de Regoelle, localízase en terras da parroquia de san Antolín de Baíñas (Concello de Vimianzo), cerca do lugar de A Bouza, nas ribeiras do Río Touzas. O túmulo ten unhas dimensións de aproximadamente 30 m de diámetro por 2 m de altura . No seu centro conserva os restos dun gran dolmen de corredor.