Buscador xeográfico

Buscador avanzado

Terras de Ourense | Ourense | Amoeiro | Cimadevila | Pazo de Trasalba

O patrimonio arquitectónico | Pazos | Pazo de Trasalba

Pazo de Trasalba

Pazo de Trasalba, a casa da familia Otero Pedrayo

A casa onde Ramón Otero Pedrayo pasou os veráns da súa infancia non corresponde ás características típicas dunha casa señorial galega. O seu máximo interese reside en ter sido a residencia do autor, estando dedicada na actualidade a conservar e divulgar o seu legado.

Situado no núcleo da parroquia de Trasalba, no concello ourensán de Amoeiro, o chamado pazo de Trasalba é un edificio construído no século XVIII. De planta rectangular pouco acusada, e con dous andares nunha das fachadas e só un na outra debido á pendente do terreo, non se trata dun pazo en sentido estrito.

O máis significativo é a súa carencia de torres e escudos nos muros de cantaría de altura regular.

Pola contra, as súas fachadas adórnanse con balcóns corridos. Na parte sur, aparece sobre columnas e linteis unha solaina desde onde se divisa un extenso panorama que remata na cordilleira que separa as provincias de Ourense e Pontevedra. Pola súa banda, na fachada norte a balconada corrida de madeira apóiase sobre arcada de medio punto e remata en galería de vidros.

Pecha o patio un portalón con lintel do ano 1764. Unha horta non demasiado extensa, na que teñen cabida un pombal de planta circular e un hórreo de tres tramos, completa as propiedades señoriais.

A día de hoxe, a casa é un Museo no que se poden contemplar obxectos persoais do escritor, mobiliario do pazo e máis a súa biblioteca, tal e como a utilizaba cando residía na construción. O propio Otero Pedrayo legou as propiedades de Trasalba -o pazo e máis os espazos anexos- a Galiza, identificada polo autor coa Editorial Galaxia.

Deste xeito, pódense contemplar directamente as pertenzas e o modo de vida do escritor, profesor, político e editor. A visita ofrece ao público o atractivo engadido de poder sentirse como un dos protagonistas de Os camiños da vida, xa que os personaxes desta novela en tres libros están intimamente unidos á vida do autor na casa señorial.

• Datos principais

Pazo de Trasalba

Terras de Ourense / Ourense / Amoeiro / Cimadevila

N42°22'07.42'' - W7°58'25.56''

X564807 - Y4661088 Fuso: 29

Datación

s. XIX

Estilo

Arquitectura Popular

Categoría

Pazos - Museos e patrimonio moble

Grao de protección

Inventariado


• Datos de contacto

Trasalba- 32170 Amoeiro

www.arrakis.es/~trasalba/default.htm

fundacion.otero.pedrayoa r r o b agmail.com

Horario

Outubro-abril:
De martes a domingo, de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 18:00. Os luns permanece pechado.

Maio-setembro:
De martes a domingo, de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00. Os luns permanece pechado.

Dispón de guía e a entrada é gratuíta.

• Outros datos de interese

Conxuntos arquitectónicos / Visitas relacionadas

Pazos

Museos e patrimonio moble



[LOGO CONSELLERIA]

portada | contacto | aviso legal | accesibilidade | RSS | mapa web