Buscador xeográfico

Buscador avanzado

Pazo de Oca

Pazo de Oca

envía esta foto como postal

Pazo de Oca Pazo de Oca Pazo de Oca

No pazo destaca a configuración urbanística da praza, a riqueza artística da igrexa, de deseño e articulación excepcional, e o trazado dos xardíns. As dependencias palacianas amosan a amplitude das estancias principais de arquitectura sinxela e numerosas construcións vencelladas a elas con moitos elementos escultóricos dun barroco vexetal perfectamente integrado no xardín. A capela do pazo forma parte do conxunto monumental e define un dos límites da praza de chegada onde tamén se atopa o cruceiro.

En orixe foi unha antiga casa-forte do s.XV, cuxos restos foron aproveitados a finais do s. XVII e principios do XVIII para erguer o famoso pazo. No 1731 edificouse a torre principal e entre o 1731 e o 1752 procedeuse á construción da capela, galería e dormitorios, cociña e trazado dos xardíns. As obras do pazo detivéronse, segundo inscrición, no 1746.

O edificio componse de planta baixa, cos seus ocos cadrados de luz e unha porta central. Na parte alta sitúanse sete grandes fiestras, dúas delas con balcón e outra balconada central sobre o portón principal de entrada. A torre ofrece cinco ocos cara a praza. Pola parte posterior do edificio aparece un pórtico, na planta baixa, desde onde arranca a escaleira principal. No andar superior, a antiga solaina convértese en galería, sobre unha balaustrada de pedra, ofrecendo iluminación natural a unha das salas do pazo.

A capela, dedicada a Santo Antonio, atópase unida ao edificio por unha balconada e soportais. Sobre a porta de entrada hai un balcón e, a cada lado, dous escudos iguais, coas armas dos fundadores. A imaxe de Santo Antonio sitúase na fornela e na parte central e superior hai outra imaxe de Santa Bárbara. No seu interior hai tres retablos, adornados con 35 figuras de José Gambino que deberon ser realizadas no 1750.

Os xardíns, unha das partes máis monumentais do pazo, están cruzados por dous paseos centrais con fonte monumental, palacetes e pavillóns, sobre diferentes planos. Ao fondos dos xardíns está o paseo dos Tilos, un túnel vexetal de 30 m de longo, 12 de ancho e 15 de altura que serviu para ofrecer sombra ao picadeiro, como unha grandiosa bóveda natural.

Deben distinguirse dúas zonas nos xardíns. Dunha banda, os da parte sur do pazo, que van descendendo suavemente ata unha saída aos campos de labranza e cuxa finalidade é crear unha perspectiva desde este último punto que teña como fondo a fachada posterior do pazo, coas súas arcadas baixas e as galerías acristaladas no piso superior. Pola outra, destaca o gran parque con acceso por un portón e fonte, desde a zona anterior, que se estende, paralelamente a esta, de norte a sur, indo da parte situada ás costas da ábsida da capela ata rematar co último dos amplos estanques.

• Datos principais

Pazo de Oca

Terras do Ulla / Tabeirós-Terra de Montes / A Estrada / Oca (Santo Estevo P.)

N42°44'56.67'' - W8°22'58.74''

X549652 - Y4733220 Fuso: 29

Datación

s. XVII - s. XVIII

Estilo

Gótico - Renacentista - Barroco

Categoría

Pazos

Grao de protección

BIC

Declarado Monumento por disposición do Real Decreto 602 de 15/1/82 e publicado no BOE do 24/3/82


• Datos de contacto

A Praza, 16-Oca- A Estrada

www.fundacionmedinaceli.org/monumentos/oca/index.aspx

Teléfono: 986 587 435

Horario

Inverno:
Todos os días de 9:00 a 18:30 horas.
Verán:
Todos os días de 9:00 a 20:30 horas.

Prezos:
  • Taxa normal: 4 euros.
  • Grupos de máis de 20 persoas: 2.5 euros.
  • Luns pola mañá gratuíto de 9:00 a 12:30 horas (sempre que non sexa festivo).

Visita libre non guiada.

• Outros datos de interese

Rutas relacionadas

Do Deza ao Ulla

Conxuntos arquitectónicos / Visitas relacionadas

Pazos



[LOGO CONSELLERIA]

portada | contacto | aviso legal | accesibilidade | RSS | mapa web