Neste momento contén 172 bens
Ribeira Sacra e Valdeorras | Terra de Caldelas | Castro de Caldelas | Castelo de Castro Caldelas
O patrimonio arquitectónico | Castelos, fortalezas e torres | Castelo de Castro Caldelas

O castelo de Castro Caldelas, coroando a vila
Esta fortaleza érguese no alto da localidade do Castro de Caldelas constituíndo o símbolo identificativo das terras de Caldelas. A súa actual fisionomía é moi distinta da primitiva, posto que ao longo dos séculos se levaron a cabo nel numerosos cambios e reconstrucións. Unha das máis destacadas foi a producida despois da súa destrución na revolta irmandiña.
Non se sabe con claridade a súa orixe. Algúns autores defenden que data do século XII, pero parece que na segunda metade do s. XIV xa estaba en pé esta edificación defensiva, probablemente sobre outra anterior. En 1467 foi destruída parcialmente polos irmandiños no seu levantamento contra a nobreza galega. Trala derrota da revolución irmandiña, foron os sublevados quen a volveron a levantar obrigados por D. Pedro Álvarez de Osorio. Séculos máis tarde, en 1809, durante a guerra contra os franceses volvería a sufrir un grave incidente, o xeneral Loisón en represalia pola morte duns compatriotas franceses incendiou o edificio, perdéndose grandes cantidades de documentos que contiñan valiosos datos sobre o castelo e a vila.
O castelo situase coroando a vila de Castro Caldelas. Está rodeado de altas cercas con torreóns de planta rectangular nos flancos, rematados por ameas. Componse de varios corpos de cantería, construídos en distintas épocas e adaptados á orografía do lugar. Os máis antigos son a torre da homenaxe e a torre do reloxo. A primeira delas é ameada e con garitas sobre corpos troncocónicos para a súa defensa.
Conserva restos dos foxos e da muralla, que rodeaba a fortaleza facendo un polígono, e que presenta tres robustos torreóns ameados de planta rectangular. Os seus muros están ornamentados con signos lapidarios, e sobre as portas, aparecen as armas da Casa de Lemos. Consérvanse tamén o celeiro, a adega e o patio de armas, onde aparecen un alxibe e un forno.
En 1981, os seus propietarios, a Casa de Alba, cedéronlle o castelo á comunidade Autónoma. Hoxe en día alberga un museo etnográfico, unha biblioteca e unha sala de conferencias e exposicións. Foi declarado ben de interese cultural.
Este castelo foi descrito e evocado por Vicente Risco nas páxinas dos seus libros.
Ribeira Sacra e Valdeorras / Terra de Caldelas / Castro de Caldelas
N42°22'33.40'' - W7°24'56.78''
X630629 - Y4668375 Fuso: 29
s. XIV
Gótico
Castelos, fortalezas e torres
BIC
BIC Xenérico. Declarado Monumento por disposición do Decreto 22/04/1949 e publicado no BOE 125 do 05/05/1949
Praza da Torre, s/n. Castro Caldelas.
Teléfono: 988 203 358 (Oficina de Turismo de Castro Caldelas)