Neste momento contén 172 bens
Rías Baixas | O Morrazo | Marín | Mogor (San Xurxo) | A Barriada | Petróglifos de Mogor
O patrimonio arqueolóxico | Petróglifos | Petróglifos de Mogor

Os petróglifos de Mogor son abondosos en gravados xeométricos
Trátase dunha das estacións rupestres máis emblemáticas da arte rupestre galega, coñecida xa desde mediados do s. XIX. Está situada sobre a praia de Mogor e integrada por varias rochas sobre as que gravaron un considerábel número de cazoletas e de deseños xeométricos e, en menor medida, representacións de cérvidos.
Os gravados sitúanse en tres afloramentos: o primeiro, de grandes dimensións, ofrece unha gran concentración de motivos, entre os que están presentes círculos concéntricos, cazoletas, liñas entrelazadas, un posíbel labirinto e un único zoomorfo; o segundo afloramento é de menor tamaño e ten como motivo principal un labirinto de gran beleza con cazoleta central, acompañado de pequenas combinacións de círculos concéntricos; o terceiro afloramento presenta un novo labirinto pero en peor estado de conservación. A súa adscrición cronolóxica sitúase no Neolítico e na Idade do Bronce (entre o V e o II milenio a.C.).
A relevancia desta estación rupestre proporcionoulle un extraordinario recoñecemento internacional. O máis famoso destes gravados é a Pedra do Labirinto. Poucos petróglifos galegos tiveron unha repercusión bibliográfica como a conseguida por esta pedra.
O estado de conservación é, en xeral, bo, o que permite recoñecer facilmente a inmensa maioría dos motivos gravados. Non obstante, pola súa situación nun contexto periurbano e inmediato a unha praia moi concorrida, o conxunto foi obxecto de múltiples alteracións ao longo dos últimos anos. A iso hai que lle engadir anteriores actuacións de revalorización deste conxunto, que de maneira desafortunada deseñaron a construción de plataformas pétreas e metálicas que derramaron a contorna inmediata dos gravados.
Os terreos sobre os que se localizan os petróglifos son de titularidade pública, propiedade do concello de Marín, o que facilita o seu acceso e uso público. O acceso ata o conxunto rupestre é fácil pois é posíbel chegar, incluso en automóbil, ata a mesma base do xacemento arqueolóxico grazas á sinalización direccional existente. Na actualidade estase preparando unha infraestrutura expositiva e interpretativa do sitio e dos gravados que facilite a súa comprensión.
Rías Baixas / O Morrazo / Marín / Mogor (San Xurxo) / A Barriada
N42°23'12.63'' - W8°43'2.71''
X523261 - Y4692850 Fuso: 29
Neolítico - Idade do Bronce
Arte rupestre
Petróglifos
Inventariado
culturamarin
yahoo.es
Teléfono: 696 594 494 (Oficina de Turismo de Marín)