Neste momento contén 172 bens
Terras do Ulla | Deza | Silleda | Ansemil | San Pedro Ansemil | Igrexa parroquial de San Pedro de Ansemil
O patrimonio arquitectónico | Igrexas | Igrexa parroquial de San Pedro de Ansemil

Igrexa parroquial de San Pedro de Ansemil e capela señorial dos Deza
A igrexa parroquial de San Pedro de Ansemil (Silleda) data dos séculos IX ou X. Era a igrexa dun antigo mosteiro desaparecido habitado entre os séculos XIII e XVI que foi unido a San Paio de Antealtares. Ten unha planta basilical de tres naves e tres ábsidas ou capelas rectangulares.
As naves están separadas por arcos forneiros semicirculares peraltados. A portada principal é de dobre arquivolta tórica sobre dúas columnas, presenta un lintel con catro raias horizontais e varios perpiaños con tímpano. O muro norte das naves ten unha porta de xambas sinxelas e un amplo lintel rectangular no que está marcado e esculpido un tímpano de arco de ferradura. A ábsida central ten dous tramos, separados por un arco semicircular, contrarrestado ao exterior por contrafortes.
As capelas laterais teñen un arco de ingreso semicircular peraltado, apoiado en pilastras, cunha sinxela cornixa biselada por todo o capitel, con bóvedas de canón de igual directriz cós arcos.
Arrimada á igrexa atópase polo lado sur a capela señorial dos Deza, o seu nome derívase dun sepulcro que se conserva do cabaleiro Diego Gómez de Deça, do ano 1341. Esta capela consta dunha nave e dunha ábsida rectangular. A porta da fachada contén xambas lisas cun lintel pentagonal esculpido co Agnus Dei cunha cruz procesional de flor de lis. Enriba da porta aparece unha imaxe da Virxe, sentada nunha cadeira de arca baixo un dosel oxival, tradicionalmente denomínase esta figura como "A virxe do Leite", debido á actitude de dar o peito ao neno. No remate triangular da fachada atópase un enorme crucifixo coa figura de Cristo con faldisterium (asento especial que usan os bispos nalgunhas funcións pontificais). A capela que fai de presbiterio é mais baixa. O arco de ingreso é apuntado sobre muros en forma de pilastras, rodeado dunha arquivolta tórica: sobre este arco, na cabeceira da nave hai unha ventá e outra ao fondo da ábsida. Esta capela cóbrese con bóveda de cruzaría. Conserva interesantes canzorros e curiosas ferraxes antigas acabadas en bocas de serpes nas follas das portas.
Terras do Ulla / Deza / Silleda / Ansemil / San Pedro Ansemil
N42°44'29.02'' - W8°16'05.34''
X559995 - Y4707908 Fuso: 29
s. X - s. XI
Románico - Gótico
Igrexas
Inventariado