Buscador xeográfico

Buscador avanzado

Terras do Ulla | Deza | Silleda | Carboeiro (Santa María A.) | Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro

O patrimonio arquitectónico | Mosteiros | Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro

Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro

Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro

envía esta foto como postal

Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro

Os vestixios do antigo mosteiro beneditino de San Lourenzo de Carboeiro sitúanse sobre un escarpado promontorio no fermoso entorno da ribeira do Deza. Foi fundado no século X e obedece ao estilo románico con influencias góticas, reflexo das pegadas da escola compostelá, e cuxas trazas lle foron atribuídas ao Mestre Mateo. Aínda que só se conserva a igrexa, quizais ningún outro mosteiro dese tipo e desa época pode superar a súa importancia arquitectónica.

No lugar onde se ergueu o mosteiro, existía unha ermida, de comezos do século IX, adicada a San Lourenzo. Pertencía a un ermitán chamado Egica, que posuía unhas terras destinadas á cría do gando. Todo isto comprárono os Condes de Deza, Gonzalo e Tareixa, que fundaron o mosteiro, onde foron parar tódolos ermitáns e monxes da comarca.

No ano 997, o cenobio foi destruído por Almanzor e no 999 foi reconstruído e consagrado de novo por San Pedro de Mezonzo. O mosteiro acadou unha grande importancia nas terras de Trasdeza, pero cando quedou anexionado como priorado a San Martiño Pinario no ano 1500, veuse todo abaixo. Anos máis tarde, por mor da exclaustración, o mosteiro e a igrexa foron abandonados, chegando a converterse nunha enorme ruína, considerada de grande encanto romántico.

A igrexa de Carboeiro destacou pola súa fábrica e pola orixinalidade do seu estilo, o románico galego, nacido dunha mestura de elementos arquitectónicos dentro da escola compostelá, que contaba coa catedral de Santiago como a súa obra cume, e estendeu a súa influencia máis aló das fronteiras galegas.

Unha inscrición latina no seu interior permite datar o comezo da edificación actual, proxectada polo abade Fernando e os seus monxes, no ano 1171. Posúe planta de cruz latina e está formada por tres naves de tres compartimentos no brazo maior e outra nave que constitúe o cruceiro, cara ao que se abren dúas capelas semicirculares, e da que arranca a xirola formada por tramos trapeciais, con bóvedas de crucería de nervios diagonais, e unha serie de columnas que rodean o presbiterio.

A cabeceira, a parte de maior calidade do conxunto, dá acceso mediante arcos de ferradura ás entradas das capelas. Está situada sobre a cripta que salva o desnivel do acantilado sobre o río Deza, do mesmo xeito que a cripta da Catedral de Santiago salva o desnivel do Pórtico da Gloria.

Do exterior do mosteiro sorprende a organización do conxunto, cuxos vestixios se sitúan no lado norte da igrexa tal como ditaban as normas beneditinas. Na fachada principal destaca a portada, de carácter compostelá, formada por catro arquivoltas sobre columnas circulares. Nunha das arquivoltas sobresaen os vintecatro anciáns da Apocalipse cos seus instrumentos musicais, do mesmo modo que se ven no Pórtico da Gloria da catedral de Santiago. O tímpano central conta coa figura do Salvador, e reflicte a influencia do mestre Mateo, atribuíndose a obra a un dos seus discípulos, coñecido como "mestre de Carboeiro".

• Datos principais

Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro

Terras do Ulla / Deza / Silleda / Carboeiro (Santa María A.)

N42°45'36.55'' - W8°14'50.37''

X561590 - Y4734540 Fuso: 29

Datación

s. X

Estilo

Románico - Gótico

Categoría

Mosteiros

Grao de protección

BIC

Declarado Monumento por disposición do Decreto 3/6/31 e publicado no GAC do 4/6/31


• Datos de contacto

www.silleda.es

Teléfono: 986 581 028 (Casa da Cultura de Silleda)

Horario

Acceso libre todos os días.

No verán existe a posibilidade de visitas guiadas para grupos. Son cada 45 minutos de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00.

• Outros datos de interese

Rutas relacionadas

Do Deza ao Ulla

Conxuntos arquitectónicos / Visitas relacionadas

Mosteiros



[LOGO CONSELLERIA]

portada | contacto | aviso legal | accesibilidade | RSS | mapa web