Neste momento contén 172 bens
Rías Baixas | O Salnés | Meis | Armenteira (Santa María P.) | Mosteiro de Santa María de Armenteira
O patrimonio arquitectónico | Mosteiros | Mosteiro de Santa María de Armenteira

Mosteiro de Santa María de Armenteira, fiel ao canon do Císter
Sitúase o mosteiro de Armenteira no val do Salnés, dominando unha alta canada na ladeira occidental do monte Castrove. A situación do conxunto responde ao arquetipo cisterciense: val pouco accesíbel, rodeado de montañas e con leito de auga. A disposición dos edificios é tamén a habitual da orde: igrexa ao norte do conxunto, en orientación leste-oeste; pegado a ela, o claustro; e, ao seu redor, as estancias monacais.
Aínda que as súas orixes non están claras, tradicionalmente vense considerando a Don Ero como fundador, tal e como se conta nunha lenda transcrita no 1624 por Frei Basilio Duarte. A primeira noticia documental é de 1151, aínda que algúns traballos realizados permiten supoñer que a orixe do cenobio se situaría na Alta Idade Media. Máis tarde, como sucedeu noutras casas galegas, abrazará a reforma cisterciense e será habitado por monxes de Claraval en 1164.
A igrexa, de pequenas dimensións, é un valioso exemplo de arquitectura románica da segunda metade do século XII. Presenta unha planta basilical con tres naves de catro tramos, a central máis ancha que as laterais no corpo lonxitudinal. O cruceiro, dunha soa nave, enxérgase perfectamente por ser un tramo de maiores dimensións que os das naves lonxitudinais. A cabeceira, graduada, posúe tres ábsidas semicirculares.
O interior é dunha marcada austeridade. A nave central, case o dobre de ancha e máis alta que as laterais, cóbrese con bóveda de canón apuntado, sostida por arcos feixóns da mesma directriz. Nos primeiros tramos da bóveda apuntada ábrense dúas ventás de derrame interno, hoxe cegadas, que contribuían á iluminación da nave principal. As naves laterais cóbrense con bóvedas de aresta, con arcos feixóns apuntados e dobrados, de perfil rectangular. Ambas as naves reciben iluminación directa por medio de ventás longas e estreitas, de dobre derrame.
Na súa configuración exterior, a igrexa presenta volumes compactos moi definidos e pouco articulados, austeridade e marcada horizontalidade das súas masas só contrarrestada polos lanzais contrafortes e pola elevación do cruceiro.
A parte máis interesante do exterior é sen dúbida a fachada principal, a única, xunto con Meira e San Clodio, que se conserva no seu estado primitivo. Reflicte exactamente a súa organización espacial interna, resaltada por tres vías da mesma anchura das naves interiores separadas por contrafortes dobres. O seu elemento máis sobresaínte é a gran portada, fortemente abucinada, con arquivoltas de directriz semicircular apoiadas en seis pares de columnas.
Rías Baixas / O Salnés / Meis / Armenteira (Santa María P.)
N42°27'52.22'' - W8°44'25.03''
X521352 - Y4701468 Fuso: 29
s. XII
Orixinaria da segunda metade do século XII.
Románico - Gótico
Mosteiros
BIC
Declarado Monumento por disposición do Decreto de 3/6/31 e publicado no GAC do 4/6/31
Teléfono: 986 718 300