Buscador xeográfico

Buscador avanzado

A Barbanza - Costa da Morte | Muros | Muros | Petróglifos de Laxe das Rodas e de Cova da Bruxa

O patrimonio arqueolóxico | Petróglifos | Petróglifos de Laxe das Rodas e de Cova da Bruxa

Petróglifos de Laxe das Rodas e de Cova da Bruxa

Petróglifos de Laxe das Rodas e Cova da Bruxa

envía esta foto como postal

Petróglifos de Laxe das Rodas e Cova da Bruxa Petróglifos de Laxe das Rodas e Cova da Bruxa Petróglifos de Laxe das Rodas e Cova da Bruxa Petróglifos de Laxe das Rodas e Cova da Bruxa

Muros conta con numerosos gravados rupestres da Idade do Bronce. Os máis salientábeis son os de Laxe das Rodas e Cova da Bruxa, nas parroquias de Louro e Serres, respectivamente. O culto astral e a simboloxía máxica son eixos temáticos centrais neles, malia teren dado pé a interpretacións moi diversas.

O conxunto de Laxe das Rodas é un dos máis estudados da arte rupestre galega desde que se divulgaron os primeiros artigos na década dos setenta. Consta de nove figuras: dúas espirais -que forman o grupo principal-, e sete motivos circulares con circunferencias concéntricas. A espiral de maior tamaño é dextróxira e ten suco radial; a menor é levóxira e posúe cazoleta central. Arredor delas hai 65 cazoletas.

Moitas interpretacións ven neste conxunto un identificador do coñecemento astronómico da época. Un estudo considera que se trata dun calendario luar sinxelo; outro apunta que é un calendario dobre, destinado a xebrar as xornadas laborais e as festivas; e un terceiro aventura que constitúe un indicador de eclipses de lúa.

Tamén se quixo ver na Laxe das Rodas unha mesa de ofrendas para propiciar as boas colleitas. E houbo quen o relacionou co Próximo Oriente ou cos mundos cicládico e heládico. Outras achegas, en troques, consideran inapropiado chegar tan lonxe: trataríase dun conxunto de signos solares relacionados co culto astral, moi xeneralizado durante a Idade do Bronce.

Pola súa banda, os petróglifos de Cova da Bruxa destacan entre a nosa arte rupestre non só pola súa extensión, senón tamén pola súa variedade de motivos e a complexidade do conxunto. Componse de diversas escenas de cérvidos, a máis importante das cales é unha escena de caza: unha figura antropomórfica armada ataca un rabaño de cérvidos, axudado por un suposto cánido. Completan o conxunto numerosos motivos cruciformes, circulares e xeométricos variados.

No seu descubrimento, Cova da Bruxa presentou dúas novidades. Era o primeiro conxunto rupestre non pontevedrés que rexistraba unha figura humana; ademais, o cánido era unha figura extraordinaria en Galiza, onde non se coñecían máis cuadrúpedes ca cérvidos e équidos. Era o primeiro posíbel animal doméstico nun petróglifo galego.

Canto á interpretación do conxunto, cómpre observar que algúns dos cérvidos aparecen sexuados e outros, en actitude de berro, están asociados a un esquema reticular. Por iso podería tratarse dunha escena de simboloxía máxica, orientada á reprodución da fauna.

Esta escena e mais a da caza denotarían un amplo coñecemento da fauna por parte da comunidade da época. Ademais, certos motivos circulares poden relacionarse con discos solares de carácter sagrado, destinados a solicitar a axuda das divindades na fecundación ou na caza.

• Datos principais

Petróglifos de Laxe das Rodas e de Cova da Bruxa

A Barbanza - Costa da Morte / Muros / Muros

N42°46'07.89'' - W9°04'42.35''

X493583 - Y4735150 Fuso: 29

Datación

Idade do Bronce

Estilo

Arte rupestre

Categoría

Petróglifos

Grao de protección

BIC

Xenérico


• Datos de contacto

www.murosarqueoloxico.org/

infoa r r o b amurosarqueoloxico.org

Teléfono: 981 826 050 (Concello de Muros)

Horario

O mellor momento para ver os gravados é pola mañá ou pola tardiña, cando os raios do sol caen oblícuos sobre a pedra, producindo sombras nas zonas gravadas.

• Outros datos de interese

Conxuntos arquitectónicos / Visitas relacionadas

Petróglifos



[LOGO CONSELLERIA]

portada | contacto | aviso legal | accesibilidade | RSS | mapa web