Buscador xeográfico

Buscador avanzado

Terras de Ourense | O Carballiño | San Amaro | Ourantes (San Xoán) | Torre (A) | Castro de San Cibrao de Las

O patrimonio arqueolóxico | Castros | Castro de San Cibrao de Las

Castro de San Cibrao de Las

Castro de San Cibrao de Las

envía esta foto como postal

Castro de San Cibrao de Las Castro de San Cibrao de Las Castro de San Cibrao de Las Castro de San Cibrao de Las

O castro de San Cibrao (ou San Cibrán) de Las sitúase sobre os afloramentos graníticos da ribeira do río Miño, nun enclave estratéxico cunha ampla visión do territorio. Delimitado por murallas e foxos que lle confiren unha gran monumentalidade, conforma un dos poboados castrexos máis grandes e coñecidos de Galiza, representativo dun momento tardío na cultura castrexa e fortemente influenciado pola romanización.

O xacemento achegou moita información sobre a vida nestes recintos e o seu sistema defensivo. Segundo os estudos arqueolóxicos, sitúase cronoloxicamente entre o século II a.C. e o século II d.C., xa en plena época galaico-romana.

Trátase dunha superficie de preto de dez hectáreas que posúe dous recintos dispostos de xeito case concéntrico, alongados en sentido Norte-Sur, con dous accesos polo Leste e o Oeste. O foxo e a muralla do recinto exterior, que ten no seu interior unha rolda e escaleiras de acceso á parte superior, é dobre en gran parte do seu perímetro, mentres que a muralla que rodea o recinto central ten uns tres metros de anchura e na súa orixe debeu alcanzar os catro metros de altura.

O poboado sobresae polo seu urbanismo case ortogonal, xa que foi orixinariamente concibido para acoller a un gran número de persoas. A superficie do seu interior dividiuse en parcelas nas que cada unha das familias construíu a súa vivenda composta a súa vez por varias construcións. Dispóñense todas elas no recinto exterior ao redor de dúas radiais que comunican a rolda inferior e superior a modo de eixes circulares.

O grupo de construcións que configuran unha vivenda comparte un patio común, mentres que son independentes de cara a outras unidades anexas. Están ideadas como lugares de residencia e traballo de xeito que cada unha das dependencias ten unha función distinta relacionada coas formas de vida das familias agricultoras ou gandeiras.

O sitio proporcionou numerosos e singulares achados materiais de todo tipo: cerámicos, metálicos, decorativos (incluíndo esculturas pétreas), etc... hoxe depositados no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.

A gran superficie do asentamento fai supoñer a existencia de puntos de acumulación de auga que abastecera a poboación. Non obstante, só se documentou unha fonte-alxibe, composta dun depósito con escaleiras que permitía reverter a partir dunha canle cortada na muralla e que desaugaba no foxo. Probabelmente a súa estrutura estaba cuberta cunha bóveda ou con madeira.

Na actualidade, este castro constitúe o núcleo central do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa (PACC), dentro do cal está a punto de rematarse a construción dun centro de interpretación.

• Datos principais

Castro de San Cibrao de Las

Terras de Ourense / O Carballiño / San Amaro / Ourantes (San Xoán) / Torre (A)

N42°34'55.09'' - W8°1'35.82''

X579999 - Y4690444 Fuso: 29

Datación

s. II a.C. - s. I a.C. - s. I - s. II

Estilo

Cultura castrexa

Categoría

Castros

Grao de protección

Inventariado


• Datos de contacto

www.castrenor.com

Horario

Acceso libre en calquera época do ano. Na actualidade estase a construír un Gran Centro de Interpretación da Cultura Castrexa, que facillitará a comprensión deste e doutros xacementos en Galiza.

• Outros datos de interese

Rutas relacionadas

A Comarca do Carballiño

Conxuntos arquitectónicos / Visitas relacionadas

Castros



[LOGO CONSELLERIA]

portada | contacto | aviso legal | accesibilidade | RSS | mapa web