Neste momento contén 172 bens
Rías Baixas | O Baixo Miño | Rosal (O) | Santa Marina P. | Muíños do Folón
O patrimonio etnográfico | Muíños | Muíños do Folón

Muíños do Folón, patrimonio etnográfico do Rosal
Trátase dun conxunto de trinta e seis muíños situados en ringleira uns á beira dos outros cunha canle común, de xeito que todos aproveitan a auga dos anteriores. Preto destes aparece o conxunto do Picón, formado por outros trinta e un muíños tamén dispostos en cascada. Sitúanse todos eles na ladeira dun monte chamado Campo do Couto, entre os barrios de Martín e Fornelos.
Os primeiros muíños datan dos séculos XVII e XVIII. Son edificacións feitas de pedra que aproveitan a pronunciada pendente a carón do río. Dentro delas, a maquinaria emprega a forza da auga do río para converter o gran en fariña, sexa de centeo, trigo ou millo, supoñendo esta actividade unha parte moi importante da economía doméstica. O gran baixa pola moxega e remata triturado entre as pedras coa axuda da auga que entra polo rego: ao chocar coas penlas do rodicio fai xirar a moa, que é a que tritura.
Nos muíños do Folón e do Picón podemos atopar tanto muíños de canle como muíños de cubo ou de pozo. A datación máis antiga ofrécea o muíño número 11 do Folón, que ten gravado o ano de 1702, pero a súa antigüidade vai máis aló, posto que en documentos do s. XVII xa se mencionan. Algúns muíños presentan pequenas pías no exterior que servían de bebedoiros e comedeiros para as cabalerías. Nos linteis, xambas e paredes aparecen signos de canteiros e marcas dos propietarios das construcións.
Nun dos muíños podemos apreciar unha estrutura de dúas plantas. Na inferior, chamada sarteio, pódese ver aínda a maquinaria na que actúa a forza da auga; no tremiñado ou planta superior é onde se poden atopar as moas de moer o gran, comunmente feitas de pedra.
No que respecta á súa propiedade, había muíños parroquiais (da comunidade de veciños), privados e compartidos por varias familias, sendo estes os denominados "herdeiros", pero tamén os había arrendados.
Do Folón descende un regado co mesmo nome e preto hai unha área recreativa. En 1992 comezouse a rehabilitación destes muíños pola Escola de Oficios do Concello, atopándose antes desa data en total abandono. O proxecto incluíu a limpeza dos interiores e da súa contorna, a consolidación dos muros e o cambio da teitume.
Rías Baixas / O Baixo Miño / Rosal (O) / Santa Marina P.
N41°57'45.88'' - W8°50'25.78''
X513237 - Y4621395 Fuso: 29
s. XVII - s. XVIII
Arquitectura Popular
Muíños
Inventariado